As praias mariñáns compiten en calidade medioambiental coas da Costa Dourada e o Levante
– Lugo é a primeira provincia galega e a cuarta de España, tras Tarragona, Valencia e Castellón, con máis areais recoñecidos coa certificación ISO 14001, a de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental
– José Ramón Val supervisará esta tarde o inicio dos traballos para renovar o distintivo en 14 praias de Foz, Viveiro e Ribadeo, que o organismo financia integramente por terceiro ano consecutivo, aforrándolle a cada Concello 7.000 euros
A provincia de Lugo é a primeira de Galicia e a cuarta de España -despois de Tarragona, Valencia e Castellón- con máis areais recoñecidos coa certificación ISO 14001, a de maior rigor a nivel internacional no eido da protección ambiental. As praias mariñanas, polo tanto, compiten en calidade medioambiental coas da Costa Dourada e o Levante, situándose na mesma categoría que populares areais destas zonas como as de Cullera, Gandía, Oropesa del Mar ou Salou. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, o mariñano José Ramón Val, supervisará este venres pola tarde o inicio dos traballos para renovar o certificado ISO 14001 e EMAS en 14 praias da Costa lucense, pertencentes a Foz, Viveiro e Ribadeo, unhas tarefas que a Deputación, por terceiro ano consecutivo, financia ó 100%, aforrándolle a cada Concello uns 7.000 euros.
“Facendo un novo esforzo inversor e potenciando a Cooperación cos Concellos, asumimos un ano máis o custe íntegro da consultoría e auditoría para que a Mariña siga sendo un referente de calidade en España”, subliñou Val, quen sinalou que esta iniciativa “ratifica o noso compromiso co medio ambiente como oportunidade económica da provincia e co turismo sostible, tendo en conta ademais que este é un dos soportes fundamentais da economía mariñana”. De feito, segundo un recente estudo da Universidade de Santiago, o 68% da actividade económica do Concello de Ribadeo e o 60% da de Viveiro está fundamentada neste sector. Outro dato significativo é que máis das 5.000 empresas radicadas na comarca, o 70% dedícanse ó sector servizos.
Galicia é a terceira comunidade de España con máis bandeiras ISO 14001 grazas a Lugo, pois das 19 praias galegas certificadas, 14 son mariñanas, e as outras 5 da Coruña (Riazor, Orzán, As Lapas, San Amaro e Oza).
Os traballos de consultoría e auditoría para o mantemento da certificación ISO 14001 e EMAS arrancan hoxe en Foz, despois de que este Concello e os de Ribadeo e Viveiro aceptasen adherirse un ano máis ó proxecto do organismo provincial, e continuarán nos vindeiros meses co fin de que no verán de 2013 as praias poidan lucilo selo de novo. Os labores desenvólvense en estreita colaboración cos técnicos municipais, e inclúen visitas in situ, como a realizada hoxe ós areais focenses, para comprobar a situación das praias e facelas recomendacións de mellora pertinentes. As 14 praias que optan á ISO 14001 son as seguintes:
– Viveiro: Covas, Area e Sacido.
– Foz: Areoura, Llas, Peizás, As Polas, A Rapadoira, Os Xuncos, Alemáns, A Pampillosa e Arealonga.
– Ribadeo: As Catedrais e Os Castros.
Un aforro de 77.000 euros ós Concellos
Asumindo integramente os custes dos traballos para implantar e manter a certificación ISO 14001 dende o 2010, a Deputación leva aforrados 77.000 euros ós Concellos (35.000 euros en 2010 a Viveiro, Ribadeo, Foz, Burela e O Vicedo; 21.000, no 2011 a Viveiro, Ribadeo e Foz; e outros 21.000, neste 2012 tamén a Viveiro, Ribadeo e Foz). Aínda que os concellos se comprometeran o pasado ano a facerse cargo das tarefas necesarias para renova a ISO 14001, que deben realizarse cada tempada, a Deputación decidiu volver a financialas outra tempada tendo en conta a delicada situación económica que atravesan as administracións locais.
Os beneficios
A certificación ISO 14001 e EMAS leva consigo tres tipos de beneficios directos para os Concellos. Por un lado, ambiental, un dos máis visibles, pois o selo implica a incorporación de melloras continuas nos areais. Deste xeito, as entidades locais que este ano renoven o certificado aplicarán actuacións que contribúan a optimizar a limpeza e a xestión de residuos das praias, así como melloras doutros servizos ós usuarios. Por outra banda, un beneficio de imaxe, dada a promoción que leva consigo, xa que as praias con este distintivo figuran nun rexistro oficial da Administración Autonómica ó que teñen acceso a cidadanía en xeral e os operadores turísticos. Así mesmo, abre portas á participación en feiras e salóns turísticos, e permítelles ós municipios distinguidos diferenciarse da competencia neste tipo de certames, mellorando o seu posicionamento ante a sociedade. Por último, leva consigo un beneficio económico, pois coa optimización da recollida de residuos, as entidades locais acaban reducindo custes e tamén o risco de recibir sancións por irregularidades medioambientais.
Máis rigorosas que a Bandeira Azul
“A pesar de que a Bandeira Azul quizais sexa máis coñecida polos usuarios”, os requisitos da ISO 14001, dedicada en exclusiva a cuestións ambientais, son moito máis rigorosos, argumentou Val, pois baséanse nunha norma obxectiva que emana da Unión Europea. Mentres que a Bandeira Azul é unha fotografía fixa da praia que se dá nun determinado momento, a ISO 14001 garante unha excelente calidade medioambiental e de servizos, ademais dunha mellora continua nos areais. Tamén supón un valor engadido con respecto á Q de Calidade Turística, pois non só atende ás demandas dos turistas que marcan as empresas, senón tamén ás disposicións medioambientais dos expertos da Unión Europea. De aí que se garanta unha correcta xestión medioambiental, minimizando o impacto nas praias e, o que é máis importante, nos veciños.
Deste xeito, o Deputado lamentou que non todos os Concellos mariñanos se adheriran en 2010 ó proxecto que o organismo provincial puxo en marcha para obtela certificación e que o pasado ano se deran de baixa O Vicedo e Burela. “Poderían ter a custe cero un distintivo que garante un plus de calidade”, asegurou. “O caso de Burela foi especialmente chamativo porque participou en tódalas reunións técnicas previas ó inicio das auditorías e logo descolgouse xusto antes de comezar ditas tarefas. Non o fixemos, pero quizais lles tivéramos que reclamar os cartos porque incumpriu o seu compromiso, deixándonos colgados a última hora. O Vicedo tamén se desvinculou, pero xa antes de comezar o proceso para renovar o certificado”, argumentou José Ramón Val.
Aposta polo medio ambiente
O responsable de Economía do Coñecemento destacou que a implantación deste certificado de calidade súmase ás numerosas iniciativas que emprende a Deputación para potenciar a actividade turística e o sector servizos en xeral na comarca mariñana aproveitando a potencialidade do medio ambiente, tales como: Km0, no que Mariña é o destino preferido, de xeito que, dos case 35.000 participantes que tivo o programa dende a súa posta en marcha, no ano 2008, máis de 11.000 viaxaron á Mariña, xerando nestes período un volume de negocio duns 300.000 euros nas 40 empresas colaboradoras; o Surf Camp, que serve de tirón para aumentala ocupación hoteleira na Mariña fóra de tempada, chegando na última edición a rozar o 80% na zona oriental da comarca, e incluso superar esta porcentaxe no Concello de Ribadeo; e o apoio á Peregrinación Marítima pola Costa de Lugo ou ó Camiño do Mar, cuxo recoñecemento oficial por parte da Xunta é un dos compromisos do programa do Goberno provincial.



















Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.



