A Deputación arranca 100 cursos gratuítos que mostrarán a 1.500 veciños da provincia como aproveitar as novas tecnoloxías
– Os interesados en participar nas accións formativas do Centro de Innovación Social, que se impartirán dende o luns e ata finais de ano, poden anotarse no 982-22-51-86, na web www.deputacionlugo.org ou nas instalacións do centro, na rúa Frei Prácido Rei Lemos
– Como comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; como encontrar emprego ou empregados na Rede; ou posicionarse nas redes sociais son os temas dalgunhas xornadas, que cofinancia o Ministerio de Industria
– Nenos, maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade poden participar nos cursos, polos que recibirán un diploma oficial da Deputación
O Centro de Innovación Social da Deputación, o In Lugo, arranca 100 accións formativas gratuítas que mostrarán a uns 1.500 veciños de toda a provincia como sacar o máximo partido ás novas tecnoloxías, tanto na vida persoal, como para atopar traballo ou impulsar un negocio. “Como crear unha base de datos particular ou un blog; como comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; fórmulas para encontrar emprego e empregados na Rede; a factura electrónica e a constitución telemática dunha empresa; como posicionarse nas redes sociais; e o manexo de internet para persoas con discapacidade intelectual son algunhas das temáticas ofrecidas e que, dado o seu forte compoñente práctico, servirán para mellorar a calidade de vida e o benestar dos lucenses; abrir novas oportunidades para encontrar emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a competitividade e produtividade das PEMES e autónomos”, explicou o director do departamento de Novas Tecnoloxías do organismo provincial, Pablo Rivera.
O Plan Avanza, do Ministerio de Industria, cofinancia as xornadas, que se desenvolverán entre o próximo luns, 17 de setembro, e ata finais de ano, tanto nas dependencias do In Lugo, como en Concellos de toda a provincia. As persoas interesadas en participar poden anotarse por teléfono, chamando ó 982-22-51-86; on line, accedendo á páxina web www.deputacionlugo.org ou ben presencialmente, acudindo ás instalacións do propio In Lugo, situadas na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS). A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas dos cursos, dirixidos a todo tipo de público: mozos e maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade. Os alumnos recibirán ó finalizar a acción formativa un diploma oficial da Deputación que acredita a súa participación.
As opcións
Impartiranse varias edicións de 43 temáticas diferentes, en total 98 cursos, con un máximo de 15 prazas cada un, polo que poderán participar 1.470 persoas. As opcións, son as seguintes:
– Enciclopedia Mundial, búscao na Rede
– Fácil e sinxelo, ordena as túas imaxes, música, libros… Crea a túa base de datos particular
– Emprego? Na web encontraralo
– Os teus empregados? Na web encontralos
– A túa ventá ó mundo, crea os teus blogs
– Introdución ás redes informáticas
– A Mellor publicidade na rede social (Promove o teu negocio nas redes sociais)
– E-Fácil, factura e constitución telemática de empresas
– O teu banco onde queiras e cando queiras (Opera co teu banco ou caixa a través de Internet)
– Compra en Internet, o máis seguro
– O negocio está na Rede, non tires nada, vende ou cámbiao en Internet
– O teu comercio e todo o mundo (Comercio electrónico)
– As mellores ofertas e lugares na palma da túa man (Aplicacións móbiles para buscar sitios e ofertas)
– Descarga a túa música de forma legal
– Manexa os teus ficheiros no teu ordenador (Xestión de arquivos)
– O Rei das presentacións: Presenta as túas ideas (Elaboración de presentacións)
– Utiliza Folla de cálculo para levar as contas da túa empresa
– Open Office, ofimática Open Source na empresa
– Uso Responsable da rede (Uso seguro de Internet, menores e familias)
– Os Portais web, créao ti mesmo
– Correo inmediato e sen papeis (Correo electrónico: Web mail)
– A páxina web da túa empresa, que debes saber á hora de contratala
– Non perdas información, as copias de seguridade son a túa solución
– Catálogo de produtos e servizos na Rede (Como crear unha revista e catálogo de produtos de liña en ISSUU)
– Onde estamos, Internet contesta (Geoposición do teu negocio en Internet)
– Computación na NUBE, que é? Para que serve? Como usala?
– Open Office Básico
– Ferramentas Mozilla: Firefox/Thunderbird
– Microsoft Outlook
– Ferramentas Google
– Administración e tramitación electrónica
– Creación e xestión de blogs e páxinas web
– Iniciación ó comercio electrónico
– Deseño de campañas de comunicación 2.0: Marketing on line
– Redes sociais para pais e nais: Seguridade en Internet
– Como comprar ocio e servizos en Internet
– Community Manager I e II
– TIC para nenos: Ludotic
– Presentación efectivas e currículo innovador
– Ferramentas 2.0 na busca de emprego
– Internet para persoas con discapacidade intelectual I e II
A cargo da Fundación TIC
O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 89% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 iniciou unha nova andaina, na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasou a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias.























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



