A Deputación arranca o plan que formará e asesorará gratis a 900 lucenses para crear empresas agropecuarias ou forestais
– O organismo provincial pon en marcha o Plan Integral Agropecuario Forestal, dotado con 1 millón de euros, financiados ó 80% pola Unión Europea a través do Lug02
– 233 asociacións dos 67 Concellos da provincia recibirán 2 millóns de euros do Plan de Comunidades Veciñais 2012 para melloras no rural. Segundo recollen as bases, as obras subvencionadas foron xa realizadas ou a acometer neste ano
– A Xunta de Goberno denegou o recurso que presentou o Concello de Castro de Rei tras perder unha achega de 500.000 euros para servizos municipais, ó presentar unha solicitude de prórroga para a execución do convenio fóra do prazo legal fixado
A Deputación arrancará nos vindeiros días o Plan Integral Agropecuario Forestal, un proxecto dotado con 1 millón de euros, financiados ó 80% pola Unión Europea a través do Lug02, que formará e asesorará gratis a un mínimo de 900 lucenses para que creen ou reconvertan empresas vinculadas á agricultura e á gandeiría ecolóxica, así como ó aproveitamento forestal sostible. Segundo avanzou o voceiro socialista do Executivo provincial, Manuel Martínez, coas adxudicacións aprobadas na Xunta de Goberno deste venres comeza a execución do programa, “co que consolidamos a nosa aposta polo campo e o medio ambiente como oportunidades da provincia para saír da crise, pois contribuímos á súa profesionalización e creamos emprego no rural, o que servirá para xerar riqueza e fixar poboación. Impulsamos ademais xacementos de emprego, ámbitos con grandes posibilidades de crecemento, como son a agricultura e a gandeiría ecolóxicas, e a industria forestal sostible”.
Nos vindeiros días, a Deputación poñerá en marcha a primeira fase do proxecto, que consiste en captar a potenciais interesados e, logo, entre finais de outubro e primeiros de novembro, comezará a segunda fase co período de formación: gratuíta, practica e especializada, que se impartirá por toda a provincia. Na terceira fase ofrecerase un asesoramento integral, tamén a custe cero, a tódolos participantes nas accións formativas para crear un mínimo de 15 novas empresas no rural vinculadas á gandeiría e á agricultura ecolóxicas, así como ó aproveitamento forestal sostible. Deste xeito, as persoas que queiran reconverter a súa explotación, ou ben poñer en marcha unha nova empresa, terán un asesoramento continuo, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado. “Poñeremos ademais á súa disposición un canal de comercialización, a nosa plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, que conta hoxe con medio cento de empresas e uns 200 produtos e servizos, entre eles, moitos precisamente vinculados coa agroalimentación (embutidos, queixos, castañas, verduras…)”, explicou Martínez.
“A Unión Europea permítenos xerar riqueza”
O Deputado subliñou neste sentido que o Plan Integral Agropecuario Forestal “é unha nova mostra de que a Unión Europea estanos permitindo xerar riqueza na provincia. Por iso, na Deputación, que, como recordaredes, fomos a 5ª entidade de España que máis fondos recibiu na última convocatoria 2011-2013, vemos con preocupación a posibilidade de que, debido ós axustes orzamentarios da Unión Europea, a partir do 2014 deixen de chegar eses recursos económicos a Galicia, que tan bos froitos nos están dando: abrimos canais de comercialización dos produtos autóctonos coa nosa plataforma de comercio electrónico; formamos a máis de mil persoas nas profesións con máis futuro co Pacto Provincial polo Emprego; crearemos espazos wifi de acceso libre e gratuíto a Internet en 49 Concellos; puxemos en marcha o programa Km0, que contribúe a soster 1.400 empregos directos…”
Obras para o rural
A Xunta de Goberno aprobou conceder as axudas do Plan de Comunidades Veciñais 2012 a un total de 233 entidades asociativas dos 67 Concellos da provincia, por un valor global de 2 millóns de euros. Este plan, “unha das nosas ferramentas básicas para cooperar cos Concellos”, indicou o Voceiro socialista, “permite fixar poboación no rural mellorando as condicións de vida e de traballo das súas xentes, pois levamos a cabo obras pequenas, pero cunha profunda relevancia social e que, nin as asociacións veciñais, nin as propias entidades locais, poderían acometer por si mesmas”.
Martínez destacou que este ano aumentou considerablemente o número de solicitudes recibidas por dúas razóns:
Por primeira vez na historia do Plan, a Deputación financia ó 100% o custe das obras, liberando ás agrupacións de veciños de pagar unha parte importante das actuacións, consciente dos escasos recursos cos que contan nestes momentos de dificultade económica.
“Mentres que nós mantivemos esta liña estratéxica de cooperación”, asegurou Martínez, “o resto das administracións decidiron recortar os orzamentos para obras desta natureza, polo que moitas asociacións recorreron á Deputación para poder sacalas adiante”.
Segundo recollen as bases do Plan, as obras subvencionadas son aquelas que xa foron realizadas, ou ben a realizar neste ano 2012, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro. As actuacións que recibirán axuda coinciden coas necesidades “que detectamos como prioritarias para as comunidades veciñais”, apuntou o Deputado. Trátase principalmente de: pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de TV, arranxo de fontes, obras de acondicionamento e arranxo de locais sociais, así como pequenas infraestruturas e adquisición de mobiliarios -informáticos ou similares- para o funcionamento das propias comunidades veciñais, agrupacións ou asociacións de veciños, ou como complemento de áreas recreativas, deportivas e de lecer.
A relación de axudas concedidas –entidade beneficiaria e importe- poderá consultarse dende mañá sábado na páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.org, na área de Cooperación e Asistencia ós Concellos.
Fóra dos marxes legais
Na reunión da Xunta de Goberno acordouse denegar o recurso de reposición que interpuxo o Concello de Catro de Rei contra a decisión da Xunta de Goberno de non prorrogarlle o prazo para executar un convenio mediante o cal a entidade local recibiu da Deputación 500.000 euros para melloras de servizos municipais. O recurso do Concello rexéitase porque solicitou esa prórroga do convenio -que xa era a segunda- fóra dos marxes legais establecidos, a pesar dos reiterados avisos que lle fixo o organismo lugués.
Agora iniciarase o proceso para que o Concello lle reintegre á Deputación esa cantidade, máis o intereses correspondentes, que se calcularán dende o momento no que lle foron ingresados os 500.000 euros ata que se acorde a procedencia definitiva do reintegro.
“A intención da Deputación é que Castro de Rei non se quede sen estes cartos, polo que queremos destinalos a reforzar as actuacións do Centro de Recría que levantamos na Granxa Gaioso Castro”, explicou Manuel Martínez.
Reforzo do Centro de Innovación Social
A Xunta de Goberno provincial aprobou sacar a contratación novo equipamento para o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia, o In Lugo, que puxo en marcha o pasado ano co cofinanciamento do Ministerio de Industria para estender o uso das novas tecnoloxías na provincia, tanto entre os veciños, como entre as empresas.
En concreto, o equipamento que se adquirirá, fundamentalmente audiovisual e por un importe de 64.400 euros, servirá para reforzar o Centro de Innovación Social como plataforma living-lab, é dicir, un lugar onde as empresas lucenses poden desenvolver, probar e difundir produtos e servizos baseados nas novas tecnoloxías que axuden a mellorar a calidade de vida dos veciños, especialmente da terceira idade e dependentes.
“Deste xeito, fomentamos a creación de postos de traballo nun dos xacementos de emprego máis importantes da provincia, como é o benestar social. Ademais, aforramos custes ás PEMES ó ofrecerlles a posibilidade de facer probas e experimentos dos seus produtos con público real antes de arriscarse no mercado, e favorecemos un tecido máis competitivo e innovador”, destacou o Voceiro provincial socialista.
Guía para a compra verde
Martínez avanzou así mesmo que a Deputación de Lugo “será pioneira entre as galegas, e das primeiras entidades da comunidade autónoma”, en elaborar unha guía de boas prácticas para fomentar na provincia a denominada compra verde, é dicir, o consumo de produtos e servizos respetuosos co medio ambiente. Isto significa, por exemplo: optar polo papel reciclado; os envases e bolsas reciclables; as luminarias ou ordenadores de baixo consumo; os produtos ecolóxicos; a electricidade proporcionada por fontes renovables; a utilización de produtos non contaminantes; os produtos que teñen unha ecoetiqueta…
Esta guía será como un libro de instruccións, que recollerá consellos, e casos prácticos e reais de como facer unha compra verde. Está pensada para incorporar criterios medioambientais nos procesos de compra e contratación da propia Deputación e dos Concellos, e tamén se fará outra para as empresas privadas.





















As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.
Pode visitarse ata outubro e explica como se producía o ferro na antigüidade. O documental “Da pedra ao ferro” publicarase proximamente na web do Museo.
Asistiron o tenente coronel Rubén García Díez, que é xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o comandante Féliz Rodríguez Alcántara, segundo xefe do Grupo de Honores da Garda Real; o capitán Miguel Martínez Vilela, xefe da Escuadrilla Plus Ultra da Garda Real; así como persoal da devandita escuadrilla. O obxectivo da xuntanza foi coñecer a labor deste grupo do Exército, as actividades que desenvolve e a posibilidade de que algunha delas se poida levar adiante en Ribadeo. Tamén participaron a concelleira de Seguridade, Montse Seijo, e o xefe da Policía Local, Andrés Redondo.
Ás 12:00 h, no Parque Ramón de Campoamor, terá lugar o acto institucional de homenaxe. Pola tarde, no Casino de Navia, haberá actividades abertas ao público: 18:00 h – Recital “Poesía que nos une escondida entre renglones”. 19:00 h – Encontro coa escritora Matilde Suárez, Premio “Ría del Eo”. A alcaldesa, Ana Fernández, destacou o compromiso de Navia por recuperar e poñer en valor o legado do poeta e consolidar o concello como referente cultural.
Ofreceranse as seguintes modalidades e horarios: adestramento de forza/funcional os luns e mércores ás 9.00 horas; pilates os luns e mércores ás 11.00 horas; e TRX os martes e xoves ás 9.00 horas. A inscrición e a información sobre estes cursos realizarase na recepción da Piscina Municipal. Ademais, durante este mes habilítase a opción de proba gratuíta.



