TODO ESTÁ LISTO EN LOURENZÁ PARA A CELEBRACIÓN DA XXII FESTA DA FABA. OS DÍAS, 5, 6 E 7 DE OUTUBRO HABERÁ MÚSICA, EXPOSICIÓNS, CONCURSO DE TAPAS, DEGUSTACIÓNS DE FABAS E INFINIDADE DE ACTIVIDADES PARA ADULTOS E NENOS.
Lourenzá, 28 de setembro de 2012. Hoxe presentóuse a vixésimo segunda Festa da Faba de Lourenzá, declarada de interés turístico galego, que se vai desenvolver este ano os días 5, 6 e 7 de outubro. No acto compareceron a alcaldesa, Emma Álvarez; o concelleiro de Medio Rural, Antonio Reigosa; e a presidenta da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, Gemma Iglesias. A inauguración, prevista para o 6 de outubro ás 12:30 da mañá, contará coa presencia da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.
A rexedora lembrou que “esta festa naceu dentro das medidas de desenvolvemento rural que potenciaba o Concello xa pola década dos 80 e concretóuse como festa da faba no ano 1990 para promocionar o consumo da leguminosa e tamén poder incrementar o prezo da faba de Lourenzá dentro do mercado local e tamén fora de aquí”.
Emma Álvarez dixo que “foi evolucionando co paso dos anos, desde aquel concurso inicial que se fixera no 1990 ata o que é o programa de hoxendía. Pese a que o orzamento cada ano é mais baixo, porque os concellos cada vez temos menos posiblidades económicas para adicar a este tipo de eventos lúdicos, consideramos que é moi importante seguir mantendo a festa da faba porque é unha maneira de promocionar esta leguminosa que se cultiva no noso concello, pero tamén en toda a comarca”.
Na presentación que tivo lugar esta mañá no Centro de Interpretación da Faba a alcaldesa de Lourenzá dixo que “temos un presuposto cada vez mais baixo, pero este ano no noso programa tampouco van faltar baile, música, exposicions… é un dos eventos máis importantes do noso concello e da comarca da Mariña. O principal obxectivo da celebración é promover a faba de Lourenzá coma un producto emblemático e de calidade con proxección de futuro. Dende o ano 2009 é recoñecida coa máxima distinción que pode ter un producto de calidade como é a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá”. Nesta XXII edición o cartel é a foto gañadora do concurso fotográfico do ano pasado, feita polo autor lucense Juan Carlos Núñez Yáñez que leva o título de A raiña no seu trono.
Álvarez explicou que “empezaremos os actos da Festa da Faba o venres co pregoeiro, José Ramón Mouriño Cuba, que é xefe do servizo de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrial de Lugo, unha persoa moi vinculada con Lourenzá posto que durante toda a súa vida centrou a súa labor na promoción industrial das denominacións de calidade e na recuperación de productos agroalimentarios como o aceite, a sidra, embutidos e, por suposto, a faba de Lourenzá. Xusto despois do pregón teremos a Farra da Faba, coa actuación do grupo Lecer e a sesión disco móvil Conde Santo. Contaremos co acompañamento gastronómico da pulpería Mario, de Viveiro”.
A alcaldesa indicou que “como non podía ser doutro xeito, nunha festa gastronómica todo ten que xirar en torno á degustación do produto que se vai promocionar. Polo tanto, tanto o sábado como o domingo a mediodía poderase degustar faba de Lourenzá elaborada en dúas especialidades, fabada tradicional ou fabas con ameixas, que irán servidas en cuncas de barro conmemorativas da Festa da Faba e poñeránse á venda por un prezo de cinco euros a ración. Esta degustación farase baixo unha carpa, sentados e estará acompañada doutros productos que pon á venda a propia pulpería Mario, de Viveiro, que é o encargado de elaborar a faba este ano, igual que xa o foi na edición pasada”.
Emma Álvarez contou que “por outro lado, dentro da gastronomía tamén, chegamos á quinta edición do concurso de tapas con fabas de Lourenzá, onde os hosteleiros este ano aparte de participar tamén son patrocinadores deste evento e de forma gratuita van poñer a disposición dos consumidores distintas tapas de fabas elaboradas en diferentes especialidades como poden ser fabas gratinadas, fabada tradicional, fabas con xabarín, con salpicón ou con chipiróns, entre outras moitas. Outra peza clave desta festa son os fabeiros que, como de costume, estarán arredor do Cantón. Son nove casetas participantes e todos eles son productores de faba inscrita na Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá”.
Tamén haberá unha feira exposición para a que confirmaron a súa asistencia máis de 30 artesáns procedentes de Galicia e de Asturias, que estarán dentro do Mosteiro de San Salvador. “Ademais teremos, como xa é tradicional nesta festa, dúas exposicións. Unha delas é a da asociación de amas de casa, usuarios e consumidores Baos, do concello de Lourenzá, que estará situada no salón de exposicións da Casa da Cultura e nela se poderá disfrutar cos traballos que recollen a labor que realiza este colectivo nos distintos cursos que fai ao longo do ano de pinturas ao óleo, bordado e outro tipo de manualidades. Tamén expoñeremos os traballos da 16ª edición do concurso fotográfico Festa da Faba, que xa está implantado a nivel estatal, posto que nos chegan fotografías de distintas autonomías. Esta mostra estará exposta no claustro do Pozo Santo e hai 93 fotografias chegadas de toda España. O fallo do xurado será o sábado a mediodía”, seguiu a relatar a alcaldesa de Lourenzá.
Dentro da programación da Festa da Faba tamén se inclúe a terceira carreira popular Val das Fabas, cun circuito de 6 kilómetros para os maiores, “pero tamén hai distintas categorías desde os pitufos, que correrán 150 metros, benxamíns, alevíns, infantís ata os absolutos veteráns, xuvenís e cadetes. Cada categoría terá o seu percorrido en función da idade e haberá premios para os tres primeiros clasificados e obsequiarase cunha camiseta aos 200 primeiros que cheguen á meta. A entrega de premios será no kiosco do cantón en torno ás 19 horas, posto que está previsto que esta carreira se inicie ás catro e media da tarde do sábado día 6 de outubro. Tamén hai outras actividades paralelas, como pode ser o segundo trofeo infantil de fútbol, que se celebrará o sábado día 6, ou o primeiro trofeo de baloncesto cadete feminino, que enfrentará ao equipo local contra o Ensino de Lugo”.
Os nenos e as nenas tamén serán protagonistas na Festa da Faba de Lourenzá xa que haberá un obradoiro de olería, impartido por Pepe Otero, de Mondoñedo, que será o sábado e o domingo as doce da mañá. E tamén adicado ao público infantil haberá unha actuación de Puzzle Animación, que fará xogos musicais para os nenos no claustro do Mosteiro e globoflexia o domingo pola tarde.
No apartado de actividades musicais haberá pasarrúas a cargo do cuarteto Soutoximaro, actuará a Banda Municipal de Música de Oleiros, fará un percorrido polas rúas a Escola Municipal de Música e Danza Osorio Gutiérrez e haberá unha actuación das nenas e nenos de baile tradicional desta asociación no claustro do Concello. Pechará as actividades e clausurará a Festa da Faba o Grupo de Improvisación do Conservatorio de Viveiro. Tamén haberá festa o venres á noite e o sábado coas actuacións do grupo Lecer, coa orquestra Xente Nova e cos tríos Vallibria e Vivarium.























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



