Comercios, empresas e artesáns de Cervo apoian a recreación do Un, dous, tres…responda outra vez
-Un total de 8 establecementos e fábricas do municipio doaron produtos e obxectos que se converterán nos agasallos do concurso
Cervo, 29 de setembro de 2012-Fábricas, comercios e artesáns do municipio quixeron colaborar na edición especial do Un, dous, tres…responda outra vez que terá lugar este domingo para homenaxear aos maiores con motivo do Día Internacional das Persoas de Idade. A colaboración do tecido empresarial cervense baséase na doazón de produtos que comercializan cada un dos establecementos e fábricas.
En concreto, quixeron participar nesta iniciativa pioneira Sargadelos, Gudín, Alcoa, os salóns de peiteado Marta Lage, Ana Otero Louzao, Aralux e Airiños, e a parafarmacia Hedra. As súas achegas pasarán a formar parte dos lotes de premios que se repartirán no concurso segundo as puntuacións das parellas.
A edil de Servizos Sociais quixo manifestar o seu agradecemento a todos os comercios, empresas e artesáns que se involucraron na primeira recreación do Un, dous, tres…responda outra vez no concello de Cervo. “A resposta foi inmediata por parte do tecido empresarial cervense, e dende un primeiro momento atopámonos coa súa boa disposición para colaborar” explica Pilar Armada. Unha actitude que é “de agradecer e de facer pública, porque os esforzos conxuntos das administracións e os das entidades privadas adoitan dar moi bos resultados e permiten sacar adiante iniciativas coma esta” remata a concelleira.
Lembrar que o Un, dous, tres…responda outra vez é un acto aberto ao público ao que están convidadas a asistir todas as persoas que desexen lembrar este clásico da televisión, onde non faltará o espectáculo, o humor e a nostalxia. A cita é mañá, domingo, ás 18:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura.