A Mesa anima a enviar correos-e para protestar contra a manipulación informativa na CRTVG
Tanto a Radio Galega como a TVG foron os únicos medios que censuraron en Galiza o informe que desvela que só 3% dos centros de educación infantil das cidades imparten o ensino en galego
Carlos Callón: “A TVG silencia, terxiversa e manipula a favor do PP, o cal é máis grave nun momento en que a sociedade precisa estar informada da diversidade e pluralidade de ideas que existen na sociedade”
A TVG só cubriu, en todo 2012, unha conferencia de imprensa da maior asociación cultural de Galiza
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2012.- A Mesa pola Normalización Lingüística realiza un chamamento ao conxunto da sociedade galega para que envíen correos electrónicos ao enderezo dx@crtvg.es, correspondente ao director xeral da Compañía da RTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, nomeado polo Partido Popular.
Aínda que, segundo A Mesa, “habería miles de razóns para nos queixarmos da manipulación informativa na RTVG, esta semana a súa censura ficou aínda en maior evidencia, xa que os medios públicos autonómicos foron os únicos de toda Galiza que censuraron o informe sobre a caída en picado da docencia en galego na educación infantil das cidades”, debido á acción de goberno da Xunta. “Queremos salientalo”, apunta Callón, “todo o resto dos medios de Galiza, tanto públicos como privados, se fixeron eco da noticia, igual que tamén saíu en varios medios de fóra do país”.
Desde a entidade propoñen que o texto do correo electrónico sexa o seguinte:
Prezado seño Sánchez Izquierdo:
O pasado día dez de outubro, A Mesa pola Normalización Lingüística presentou un informe sobre a situación do ensino en galego na educación infantil das nosas cidades. Segundo este relatorio, que en ningún momento foi negado polo Goberno galego, nos últimos anos produciuse unha caída en picado do uso do noso idioma: só 3% deses centros declaran impartir na lingua de Galiza, o cal resulta a porcentaxe máis baixa da nosa historia autonómica e tamén moitísimo máis baixa que en ningunha outra comunidade autonóma con idioma propio diferente do español.
Estes datos saíron en todos os medios de comunicación de Galiza e en varios de fóra do noso país, porén foron censurados nos informativos da Radio Galega e da TVG, igual que se censura ou manipula todo posicionamento que sexa diverxente ás teses do Partido Popular (en todo o ano 2012, por exemplo, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística, a maior asociación cultural de Galiza). É rechamante que tanto o mesmo día 10 de outubro como o 11 de outubro, a pesar de que censurasen esta información, si servisen de megafonía a declaracións de José Ignacio Wert como de Alberto Núñez Feijóo sobre a lingua do ensino en Cataluña.
Nun momento como o actual, en que a nosa nación se encontra en plena campaña electoral, é máis importante que nunca que a sociedade galega poida contar cunha información diversa, plural e veraz nos medios públicos autonómicos. Reclámolle por todo iso que tome as medidas precisas para garantir esa diversidade, pluralidade e veracidade e que, como primeiro e significativo exemplo desa mudanza, pase a ofrecer o debido espazo nos informativos a este estudo sobre a caída do ensino no noso idioma na educación infantil debido ao goberno de Alberto Núñez Feijóo.
Cumprimentos cordiais,
Hai que recordar que no estudo presentado pola Mesa, se informaba duns “máis que alarmantes” datos sobre o uso do galego na educación infantil nas sete cidades. Segundo conclúe a asociación e en ningún momento desmentiu nin matizou a Xunta de Galiza, só 3,19% dos centros imparten ensino en galego, un 1,06% manteñen dúas liñas diferenciadas (unha en galego e outra en castelán) e un 4,96% dos centros responderon que “dan a metade en galego e a metade en castelán”, aínda que en varios deles o idioma propio de Galiza só se utiliza na oralidade, realizándose toda a lectoescritura en castelán ou, mesmo, en inglés.
Sumando todas estas porcentaxes encontrámonos con que só 9% dos centros de ensino de infantil das cidades declaran impartir “algo” en galego, mentres que o 91% exclúe o idioma propio do país até que as meniñas e os meniños chegan aos 6 anos. “Non se garanten as competencias comunicativas en galego e ponse en risco a cohesión social de Galiza”, indican.
A Mesa lamenta “profundamente” que a TVG “silencie, terxiverse e manipule a favor do PP, o cal é máis grave nun momento en que a sociedade precisa estar informada da diversidade e pluralidade de ideas que existen na sociedade”. Ademais, a entidade, que é a maior asociación cultural de Galiza, lembra que “en toda a lexislatura, só se produciu unha entrevista na RTVG a un dirixente da Mesa, que foi a coñecida, por agresiva, entrevista de Carlos Luis Rodríguez a Carlos Callón” e, ademais, informan de que “en todo o que vai de 2012, a TVG só cubriu unha única conferencia de imprensa da Mesa pola Normalización Lingüística”, o cal supón a ocultación á opinión pública de posicionamentos e actividades existentes na nosa sociedade.






















O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.
A institución provincial colabora con ambas citas, organizadas pola Asociación Cultural Amigos da Liga Santaballesa, cunha achega económica de 4.000€. García Porto recalcou que “estes eventos son un exemplo de como a historia da emigración pode converterse nun atractivo turístico de calidade, capaz de atraer visitantes e de reforzar o orgullo de pertenza da veciñanza”.
O evento incluirá espicha, queimada, brujo con conjuro e sesión DJ. O prezo é de 50 euros por persoa, con reserva previa no 611 185 336 e prazas limitadas. A organización lembra que “el 12 de agosto cuando caiga la noche la celebración continúa en Los Olivos… la noche culminará con una queimada elaborada por el Brujo Gonzalo, seguida de una sesión DJ para poner el broche final a una jornada inolvidable”.
Baixo o título Memoria de mariñáns. Unha crónica da emigración da Mariña, o xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso ofrecerá unha intervención centrada nas historias e vivencias dos emigrantes da comarca, ilustrando o fenómeno migratorio que marcou a vida de moitas familias ao longo do século XX. O evento inclúe tamén unha imaxe histórica de mariñáns retornados de América nos anos 30, que serve de fío visual para contextualizar esta realidade.
En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.



