A DEPUTACIÓN DE LUGO SEGUIRÁ A SER EN 2013 A INSTITUCIÓN PROVINCIAL QUE MÁIS INVISTE EN POLÍTICAS SOCIAIS
Antonio Veiga tilda os orzamentos do vindeiro ano de “comprometidos, realistas, responsábeis e limitados pola Lei de Estabilidade Orzamentaria do Goberno central”
Con estas contas a Deputación consolida o seu compromiso co benestar social ao incrementar nun cento por cento a partida dedicada ao Servizo de Axuda no Fogar e escolas infantís
“Os orzamentos de 2013 mostran a diferenza entre as políticas nacionalistas e as políticas do Partido Popular que están a hipotecar o futuro das seguintes xeracións”
Lugo, 23 de novembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou, esta mañá, na presentación das contas públicas da institución provincial para 2013 que ascenden a 89.462.179,13 euros.
Veiga, tamén responsábel de Benestar Social e Deporte, cualificou estes orzamentos de “comprometidos” e “realistas” xa que, segundo explicou, “consolidan a aposta da Deputación polo benestar dos lucenses e pola creación de oportunidades laborais, atendendo ás necesidades dos cidadáns nunha realidade marcada por un contexto de forte crise económica. Trátase duns orzamentos elaborados coa limitación de gasto que impón a Lei de Estabilidade Orzamentaria, aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy, que impide ás administración públicas gastar máis dun millón de euros. Se non existira esta limitación, a Deputación de Lugo podería facer un maior investimento en todos os eidos dada a súa boa situación económica, consecuencia dunha xestión responsábel e eficiente dos fondos públicos. Sen embargo, temos as mans atadas por unha política económica cun forte compoñente ideolóxico que está deixando sen futuro a milleiros de familias lucenses e hipotecando ás seguintes xeracións”.
O principal eixo de actuación da institución para o vindeiro exercicio será manter o Estado de benestar que os gobernos da Xunta de Galiza e o Estado central están a desmantelar. Nese senso, Antonio Veiga destacou que “son uns orzamentos deseñados pensando na importancia de garantir o benestar social e contribuír á creación de novos postos de traballo. É imprescindíbel continuar financiando servizos sociais esenciais para os colectivos aos que a crise está afectando dun xeito máis virulento como persoas maiores e dependentes. Por iso, a partida orzamentaria dedicada ao Servizo de Axuda no Fogar básico e ás escolas infantís verase incrementada un cento por cento, pasando dos 600.000 euros en 2012 a 1.124.000 euros en 2013.”
Con este incremento, a Deputación de Lugo seguirá a ser o ente provincial que máis dedica a políticas sociais, xa que, ademais, manterá a súa aportación do 35 por cento do custe do servizo de Teleasistencia Domiciliaria que supón un investimento de 187.000 euros.
“Nestas contas – insistiu Veiga – queda reflectida a diferenza entre as políticas da Xunta e do Goberno do Estado e as da Deputación. Mentres o primeiro se nega a exercer as súas competencias deixando de cofinanciar o Servizo de Axuda no Fogar básico pondo en perigo a atención a milleiros de lucenses e decenas de postos de traballo, o segundo négase, tamén, a continuar financiando o 65 por cento do servizo de Teleasistencia Domiciliaria que, na actualidade, atende a preto de 1.600 usuarios e usuarias da provincia. Pola contra, nós incrementamos os orzamentos para estes fins porque, ademais, consideramos que os servizos sociais deben ser entendidos como un nicho potencial de creación de postos de traballo”.
Coa chegada do Bloque Nacionalista Galego á Deputación, empezáronse a realizar políticas sociais, xa que até ese momento eran case inexistentes as partidas orzamentarias dedicadas a apoiar e poñer en marcha medidas e programas dirixidos a promover a inserción laboral e social de colectivos en risco de exclusión, a eliminar as desigualdades sociais e a evitar que siga crecendo a fenda entre o rural e o urbano que, segundo o vicepresidente do ente provincial, “o Partido Popular está empeñado en facer máis profunda”.
Outra das áreas polas que se aposta para xerar riqueza e emprego é o turismo, cuxo orzamento incrementarase en 2013 nun 40 por cento. Neste eido, Antonio Veiga apuntou que “a Área de Turismo, que dirixe o tamén nacionalista Mario Outeiro, ten como obxectivo desestacionalizar a chegada de visitantes recuperando o patrimonio cultural material e inmaterial e difundindo e potenciado as bondades culturais, naturais, gastronómicas, enolóxicas, termais e deportivas que ofrecen os diferentes recunchos da provincia e que, cunha boa xestión coordinada entre todas as administracións, permitiría situar a Lugo incluso como referente turístico internacional”.
Dado que o deporte e a cultura son un piar básico do benestar dunha sociedade, a maioría da partidas orzamentarias dedicadas a estes campos mantéñense. “Non se pode entender un pobo que non alenta á creación cultural e promociona a súa cultura a cal o identifica como tal e, ao mesmo tempo, o diferenza, e porque a democracia require dunha sociedade estruturada e cun asociacionismo estábel e forte. Por iso, seguiremos cooperando cos concellos na mellora de instalación e proporcionándolle actividades culturais e deportivas” – concluíu o vicepresidente provincial.





















Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



