A Deputación terá en 2013 un orzamento de 89,4 millóns, co emprego e o benestar social como máximas prioridades
– A partida para fomento do emprego sube un 63% e a de servizos sociais, un 12%. “Fronte a actitude austérica de Feijoó, que nos leva por un camiño sen saída, nós somos capaces de xerar unha alternativa política en defensa do público”, subliñou o Presidente
– O INLUDES disólvese en 2013, co que Besteiro cumpre coa palabra dada no discurso de investidura. O Presuposto asume xa os gastos e ingresos desta entidade e o groso dos traballadores reforzará a Cooperación cos Concellos
– Demostrando que a “defensa das políticas sociais non é incompatible coa boa xestión económica”, a Deputación reduce 10 millóns máis a débeda financeira, de xeito que, ó finalizar 2013, “levarémola rebaixado en 48,7 millóns dende que estamos no Goberno”
– O Vicepresidente recalcou que a Deputación lucense “seguirá sendo o vindeiro ano a que máis inviste en políticas sociais, non só en Galicia, senón no resto do Estado”. Aumenta nun 40% a consignación en Turismo e mantéñense o groso das de Cultura e Deporte
“Crear emprego e reforzar o Benestar Social”. Así explicou o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, cales son as máximas prioridades do Orzamento do organismo provincial para o ano 2013, que ascende a 89,4 millóns de euros. Respondendo a esas prioridades, os presupostos contemplan unha subida dun 63% para accións de Fomento do Emprego e dun 12%, para Servizos Sociais. “Fronte á actitude austérica de Feijóo, que nos está levando por un camiño sen saída, nós somos capaces de xerar unha alternativa política e ideolóxica en defensa do público da man do instrumento máis importante que ten a Deputación, como é o seu Orzamento”, subliñou Gómez Besteiro durante a rolda de prensa de presentación dos presupostos, na que compareceu co Vicepresidente Primeiro, Antón Veiga, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto.
O Orzamento Xeral da Deputación para o 2013 ascende a 89.462.179,13 euros, o que supón unha baixada do 4,73% con respecto a 2012. Segundo explicou o Presidente, este descenso prodúcese por dous motivos:
Porque o Estado “privou á provincia de case 3 millóns de euros do Plan de Obras e Servizos (POS) para 2013, é dicir de obras que benefician a todos os Concellos da provincia”, o que repercute na rebaixa do Orzamento.
E, por outro lado, é consecuencia da distribución anual dos fondos europeos que ten fixada a Deputación.
7,5 millóns para emprego
A creación de emprego é a máxima prioridade do Goberno provincial porque “xerando emprego, xeramos riqueza na provincia e fixamos poboación”, destacou Besteiro, quen recalcou que “problemas urxentes”, como o aumento do paro –un 32% nos últimos tres anos en Lugo- e a caída demográfica –de 14.300 habitantes nos últimos 10 anos e coa estimación de que baixen outros 25.400 na próxima década- “necesitan solucións urxentes e eficaces”.
A Deputación “está hoxe en disposición de investir 7,5 millóns de euros en emprego”, entre os 4 millóns para accións de fomento do emprego -un 63% máis que en 2013- e os 3,5 correspondentes ó Pacto Provincial polo Emprego, o proxecto que acadou máis financiamento en Galicia do Fondo Social Europeo.
Precisamente, grazas ós fondos que a institución luguesa soubo captar da UE, seguirá potenciando tamén os xacementos de emprego da provincia:
Os proxectos de economía medioambiental, a través do programa Lug02, cunha partida que en 2013 ascende a 2,3 millóns de euros, achegados nun 70% pola UE.
E as novas tecnoloxías como catalizador do desenvolvemento, a través do programa Innova-TE, cunha achega que no 2013 ascende a 5,3 millóns de euros, financiados igualmente nun 70% pola Unión Europea.
2,2 millóns para Servizos Sociais
A aposta da Deputación por reforzar o Benestar Social tradúcese no Orzamento de 2013 nunha partida de 2,2 millóns de euros, un 12% máis que neste 2012. “Saben que o Presidente da Xunta se levantou un día pola mañá e, sen máis, decidiu que non poñía máis cartos para o Servizo de Axuda no Fogar, e que o tiñan pagar as deputacións”, poñendo en risco a atención a 3.000 lucenses e 2.000 empregos. Ante esta decisión, a Deputación tivo que achegar este ano un millón de euros máis do que tiña previsto para evitar o desmantelamento da Axuda no Fogar.
No 2013 “auméntase de forma importante os fondos destinados a esta área porque é unha preocupación, unha necesidade e un obxectivo político”, subliñou o Presidente.
Disolución do INLUDES
A outra gran novidade do Orzamento é que a disolución do INLUDES faise efectiva no 2013, co que Gómez Besteiro cumpre coa palabra dada no seu discurso de investidura deste segundo mandato. “Disolvemos a Fundación Tor; transferimos os hospitais ó SERGAS, e agora, cumprindo coa nosa folla de ruta, disolvemos o INLUDES, co que simplificamos a estrutura administrativa da Deputación, gañando eficacia e eficiencia”, asegurou o mandatario provincial.
No Orzamento de 2013, a Deputación asume xa directamente os gastos e ingresos actuais do INLUDES; e o groso do seu persoal pasará a reforzar a función principal da Deputación: a cooperación e asistencia ós concellos.
O ano pasado xa se incorporaron 15 traballadores do INLUDES a departamentos estratéxicos da Deputación, fundamentalmente a Intervención, Contratación e Fondos Europeos. Sobre o resto dos traballadores -82 en total- o pasado 13 de novembro a Mesa de Negociación Común, na que están representados todos os empregados públicos provinciais, tomou un acordo por unanimidade, segundo o que:
Todos os traballadores do CENTRAD, da Granxa Gayoso Castro e do Servizo de Medio Ambiente seguirán nos seus postos. A única diferenza é que, en vez de depender do INLUDES, como ata agora, a partir do 1 de xaneiro dependerán da Deputación.
En canto ó resto de traballadores, os 26 que non están en ningunha destas 3 áreas (CENTRAD, Granxa Gayoso e Medio Ambiente), asignaráselles destino de forma conxunta entre o 1 de xaneiro e o 15 de febreiro.
Ademais de optimizar os recursos humanos, coa supresión do INLUDES afórranse custes, tal e como explicou a Deputada de Economía, Pilar García Porto, quen destacou que a Deputación baixará en 2013 un 12% o gasto en Órganos de Goberno e 1,4 millóns de euros en Gastos Correntes coa supresión da entidade.
Baixa a débeda
Demostrando que defender e manter as políticas sociais non é incompatible con unha xestión económica boa e eficaz, a Deputación reduce en 2013 a súa débeda financeira en 10 millóns de euros máis, mantendo “unha situación saneada, algo moi importante neste tempo de crise”, destacou o Presidente.
Con esta amortización proxectada para 2013 “levaremos rebaixado dende que entramos no Goberno provincial un total de 48,7 millóns de euros”, explicou Besteiro.
investimentos destacados
O Presidente destacou que os presupostos seguen contemplando partida para catro importantes proxectos que se seguen executando:
– A rede provincial de residencias: Nos orzamentos de SUPLUSA para 2013 están consignados 15 millóns de euros para a execución de residencias da terceira idade e centros de día. “A falta de compromiso da Xunta pode ralentizar o proxecto, pero seguimos adiante con esta iniciativa vital para o futuro de Lugo”, sinalou Gómez Besteiro.
– O centro de recría: A Deputación segue adiante co primeiro centro de recría público en España. O organismo está executando, en solitario, 6 millóns de euros neste proxecto, e en 2013 incorpora un novo investimento de 1.350.0000 euros para seguir avanzando nesta ambiciosa iniciativa, que aforrará custes ós gandeiros e xerará un volume de negocio anual de 3 millóns de euros.
– Cooperación cos Concellos: En 2013, non só se reforzará a Cooperación cos Concellos con máis persoal, senón con recursos económicos. Ademais dos programas europeos, dos que se benefician os Concellos, destínase un total 5,6 millóns de euros a Cooperación, a través das seguintes liñas: o Plan de Obras e Servizos, que a Deputación volve a asumir so coa colaboración dos Concellos, despois de que Rajoy reducise a cero a achega estatal, e para o que se destinarán 3 millóns de euros; o Plan de Comunidades Veciñais, cunha dotación de 2 millóns de euros; e 600.000 euros, un 24% máis que o pasado ano para colaborar con Concellos e entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de facer obras e actividades sociais.
– Consorcio Provincial de Bombeiros: Sufragado ó 50% coa Xunta de Galicia, no Orzamento de 2013 a Deputación fai unha previsión económica de 2.307.809 euros para o Consorcio Provincial de Parques de Bombeiros. “Mantemos aquelo que era un marroncito, como o cualificaba o outrora portavoz adxunto do PP na Deputación e agora insigne Alcalde de Burela”, apuntou Gómez Besteiro.
Benestar, Turismo, Cultura e Deporte
Pola súa banda, o Vicepresidente Primeiro, Antón Veiga, incidiu en que o Orzamento do 2013 “consolida a aposta da Deputación polo benestar dos lucenses e pola creación de oportunidades laborais”, subliñando neste sentido que o organismo provincial foi “punteiro” nesta materia, e segue sendo un ano máis “a institución provincial que máis inviste en políticas sociais, non só de Galicia, senón de todo o Estado”.
Veiga recalcou así mesmo o aumento dun 40% na área de Turismo co mesmo fin de xerar riqueza e emprego, e o mantemento do groso das partidas orzamentarias de Cultura e Deporte para apoiar o tecido asociativo da provincia, que tralos recortes aplicados pola Xunta, “mantense polo voluntarismo da xente que forma parte del”.























A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.



