Arrinca a fin de semana solidaria organizada polos bombeiros de Barreiros coa disputa dun maratón de fútbol sala
– O pavillón focense de Torques de Marzán acolle esta fin de semana o maratón que enfrontará a equipos de fútbol sala de bombeiros, Gardas Civís, Policías Locais e persoal de Protección Civil e 061. Para presenciar os encontros só haberá que aportar alimentos que se repartirán entre familias sen recursos
– Os partidos desenvolveranse entre as 10:00 horas do sábado e as 16:30 do domingo, cando se realizará un sorteo con fins benéficos cuxas rifas custarán 2 euros. A final disputarase ás 17:30 horas e a entrega de trofeos ás 19:00 horas. Haberá tamén demostracións en vivo do labor dos bombeiros, coma o simulacro de excarceración que farán en colaboración co persoal de emerxencias do 061
– Todo o recadado irá a mans dos Servizos Sociais municipais, que o distribuirán entre as familias necesitadas dos 10 Concellos nos que estes profesionais prestan servizos. Os interesados en colaborar con esta causa poden contactar cos organizadores en bomberosbarreiros@gmail.com, 605-81-33-74/ 606-80-80-40, ou facer un donativo no nº de conta do Banco Santander 0049-12-2953-2190287441
Os profesionais que prestan servizos no Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo posto en marcha polo Consorcio Provincial integrado por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia teñen todo preparado para dar comezo ó maratón de fútbol sala que se disputará esta fin de semana no Pavillón Torques de Marzán, de Foz. Equipos formados por bombeiros dos parques de Barreiros, Vilaba e Lugo; Gardas Civís, Policías Locais, así como persoal de Protección Civil e do servizo de emerxencias do 061 que traballan nos Concellos nos que os bombeiros de Barreiros prestan cobertura – Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto-, enfrontaranse cun fin solidario.
Todos os que queiran participar asistindo coma público terán que cumprir un único requisito: presentarse no Pavillón de Marzán con algún alimento, os cales se repartirán entre as familias sen recursos dos citados Concellos a través dos traballadores dos Servizos Sociais municipais, ó seren estes os mellores coñecedores da situación pola que atravesan as familias que requiran á súa axuda.
Deporte e sorteo benéficos
O encontros darán comezo o sábado 15 ás 10:00 horas e prolongaranse durante todo o día. Igualmente, o domingo 16 a xornada tamén dará comezo ás 10:00 horas, aínda que os partidos rematarán ás 16:30 horas. Ese será o momento no que se realizará un sorteo tamén con fins benéficos. Entre os agasallos a sortear hai produtos de todo tipo -roupa (camisetas, bufandas…), complementos (bolsos, xoias…) ou bonos para perruquería-, cedidos ós bombeiros de Barreiros polos comerciantes e establecementos dos mencionados 10 Concellos co obxectivo de colaborar con esta iniciativa que tan boa acollida está colleitando na Mariña e no resto da provincia. As rifas para participar no sorteo terán un prezo de 2 euros e a totalidade dos cartos recadados tamén terá coma destino os Servizos Sociais municipais.
Posteriormente, ás 17:30 horas, disputarase a final da competición tras a que terá lugar, ás 19:30 horas, a tradicional entrega de trofeos ós vencedores por parte das autoridades invitadas
Demostracións en vivo
Ademais do obxectivo principal desta iniciativa dos bombeiros, que é a solidariedade cos que peor o están a pasar nestes tempos de crise, esta será unha boa ocasión para que os asistentes coñezan máis de preto a importancia do labor que estes profesionais levan a cabo na zona. Para elo e tamén para animar á xente a achegarse ata o pavillón de Marzán, os bombeiros teñen organizada, entre as 11:00 e as 16:00 horas do domingo 16, unha xornada de portas abertas. Detrás do propio pavillón, os asistentes terán a oportunidade de coñecer polo miúdo o servizo que prestan estes profesionais, así como os medios dos que dispoñen para elo. Esta xornadasinclúe un simulacro de excarceración, que se levará a cabo en colaboración do 061.
Entrega de xoguetes no Hospital
Precisamente seis destes bombeiros, en representación do resto dos seus compañeiros estiveron onte pola mañá no Hospital da Costa facendo entrega dos agasallos cedidos solidariamente polos comerciantes dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, Valadouro e Riotorto. Uns 10 nenos e nenas ingresados na Unidade de Pediatría do hospital mariñano esqueceron por unhas horas a súa enfermidade coa ilusión de recibir agasallos nunha xornada marcada pola ledicia dos nenos, das familias e destes profesionais.
Aínda se pode colaborar
Todas as persoas que desexen colaborar con esta causa poden poñerse en contacto cos seus organizadores mediante correo electrónico, en bomberosbarreiros@gmail.com, ou por teléfono, chamando a 605-81-33-74/ 606-80-80-40. Tamén hai un número de conta para facer donativos: Banco Santander 0049-12-2953-2190287441. Esta é a primeira actividade que organizan os bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros pero non será a última. O obxectivo destes profesionais é crear unha asociación con fins sociais para seguir impulsando actividades benéficas e axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña.






















A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



