A piscina municipal prepara o festival acuático infantil que terá lugar este venres
Cervo, 2 de xaneiro de 2012-O programa de actividades de Nadal elaborado polo Concello de Cervo continúa avanzando. Este venres será o momento de que os nenos e nenas participen no xa habitual festival acuático infantil que se vén desenvolvendo por estas datas nas instalacións da piscina municipal de Lieiro. Unha xornada que comezará ás 17:00 h. e rematará ás 19:00 h., dúas horas nas que os pequenos gozarán de xogos con material propio da piscina e con inchables dispostos para a ocasión.
Esta actividade, organizada pola Concellería de Deportes a través da piscina, “combina o entretemento dos pequenos coa práctica de exercicio” explica a edil de Deportes, Yolanda Pedreira. Deste xeito, “utilizando medios e recursos lúdicos poderemos fomentar o deporte en xeral e a natación en particular entre os nenos e nenas cervenses facéndolles ver que o exercicio vai ligado á diversión” engade Pedreira.
Outra das actividades postas en marcha pola Delegación de Deportes neste programa de Nadal é o Torneo de Tenis de Mesa, que se disputou este venres no pavillón da Veiga e no que participaron preto de 70 persoas, moitas delas procedentes de clubs de Xove, Burela, Ribadeo e Viveiro.
A edil responsable desta área asegurou que a primeira edición foi “un éxito de participación” e na que “o obxectivo de facer visible o tenis de mesa está máis que cumprido”. Do mesmo xeito, o domingo tivo lugar no pavillón unha xornada de portas abertas na que puideron practicar o tenis de mesa todas as persoas que desexaron achegarse a este deporte da raqueta que vai gañando adeptos no territorio cervense.