O Concello envía uns 40 quilos de medicamentos e material sanitario ao Sáhara
-Os fondos para mercar as menciñas proveñen da campaña de captación posta en marcha por Servizos Socias na que se recadaron 250 euros
-A administración local costeará os gastos de envío para que os medicamentos cheguen aos campamentos de refuxiados saharauís
Cervo, 18 de xaneiro de 2013-O departamento de Servizos Sociais que dirixe a edil Pilar Armada recadou un total de 250 euros durante os meses de outubro, novembro e decembro a través da súa campaña de captación de fondos dirixida á adquisición de medicamentos para os campamentos de refuxiados saharauís. Con estes cartos, achegados pola cidadanía, foi posible mercar un total de 40 quilos de medicamentos e outro material sanitario. O Concello encargouse de realizar e de costear o envío de todos os fármacos ao Sáhara, que xa están de camiño.
A edil quixo agradecer aos cervenses a súa disposición a colaborar con esta boa causa. “De todo corazón quero dar as grazas a todas e cada unha das persoas que fixeron a súa achega nesta campaña” explica Armada, porque “cos pequenos esforzos de todos conseguimos algo moi grande, como é poder axudar aos habitantes dos campamentos saharauís, que teñen moitas dificultades para dispoñer de algo tan cotián para nós como un comprimido para baixar a febre ou unhas simples gasas”.
A delegada de Servizos Sociais tamén quixo amosar a súa gratitude a Raquel Prieto, unha cervense que colaborou organizativamente nesta campaña e que todos os veráns acolle na súa casa a un neno saharauí. A edil e a colaboradora estiveron empaquetando os medicamentos para o seu posterior envío. Nesta acción tamén é destacable a axuda da farmacia de Cervo, que achegou material a maiores asumindo ela mesma os custos.
En canto ao contido do envío, incluíronse medicamentos de atención primaria para atallar febres, diarreas e outras doenzas que adoitan ser causa de morte entre a poboación, ademais de material sanitario como gasas ou tiras adhesivas, así como utensilios para o coidado de bebés como biberóns e chupetes ou incluso alimentos como leite de continuación.
Con este envío, a Concellería de Servizos Sociais pecha a primeira fase da campaña, pero informa a toda a cidadanía de que a captación de fondos vai continuar activa para poder realizar sucesivos envíos. A forma de recollida de achegas será a mesma que a destes últimos meses, a través de huchas colocadas permanentemente na Casa da Cultura e de recollidas ao pé das actividades que organiza a Concellería.