Cervo comparte experiencias de promoción turística con outras comunidades e países presentes en Fitur
Cervo, 1 de febreiro de 2013.-O alcalde, Alfonso Villares e a edil de Turismo, Begoña Alonso, continúan traballando na divulgación dos atractivos turísticos da Mariña no seu terceiro e último día na Feira Internacional do Turismo que se celebra en Madrid. Unha feira na que ademais de tentar captar turistas e inversores e de relacionarse con profesionais do sector, o rexedor e a edil están aproveitando a viaxe para coñecer outras estratexias e fórmulas de promoción.
“Fitur é un punto de encontro ideal para compartir experiencias” explica o rexedor. “Estes días estamos visitando os stands doutras comunidades e países, tanto dos que teñen un perfil turístico semellante ao noso como os que ofrecen outros focos de atracción”, unha actividade que “está resultando moi proveitosa xa que nos permite obter información de primeira man e actualizada sobre as novas tendencias trísticas e sobre as liñas que están seguindo outros territorios”. Unha iniciativa de posta en común que “ten un camiño de ida e volta, ao tratarse de compartir información e de que nós podamos aportar a nosa experiencia e eles podan aportarnos a súa e así seguir mellorando día a día porque na promoción turística é imprescindible renovarse”.
Villares tamén defende a importancia de diferenciarse como destino, de seguir posicionando a marca A Mariña e ofrecer a comarca como destino único. “Dende Cervo consideramos que todos os concellos xuntos somos máis fortes turisticamente e, unidos, podemos ofrecer un destino exclusivo”. Para o rexedor, Fitur é un bo exemplo da necesidade de fortalecer o nome da Mariña como territorio turístico completo: “Máis de 600 stands, 167 países con presenza en Fitur e todos cun grade potencial…cada municipio da Mariña por separado quedaría totalmente difuminado”.
Despois de tres días na XXXIII Feira Internacional de Turismo, o rexedor fai un balance moi positivo. “Fitur é un dos mellores puntos de encontro para facer visible a Mariña, onde todos os concellos fomos quen, a través da Mancomunidade, de ofrecer un territorio con alma que se palpa a través dos sentidos”. Villares manifesta que na promoción turística deste territorio estanse facendo importantes avances: “A Mariña deixa de ser comarca para ser unha marca”.