Ribadeo, 30 de maio de 2013. O Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo abre o día 3 de xuño, luns, o prazo de inscrición para participar en dúas actividades: a ruta de sendeirismo de Loiba ao Barqueiro e a viaxe ao spa de Vilalba. Ambas as dúas forman parte do programa da sétima edición dos Foros Permanentes para Mulleres.
A ruta de Loiba ao Barqueiro, que se inclúe dentro do programa denominado Domingos a pé, está prevista para o día 9 de xuño, domingo, e a viaxe ao spa de Vilalba será unha semana despois, o 16. As participantes nesta segunda actividade disfrutarán dunha sesión de baño no club termal e despois poderán elixir entre unha clase de ximnasia ou técnicas de relaxación na auga. Tamén haberá unha sesión de terapia en cabina. A cota de inscrición para participar é de 15 euros.
Ademais os días 6, 13 e 20 de xuño haberá un obradoiro de risoterapia no teleclub de Vilaosende en horario de cinco a sete da tarde.