Lourenzá, 14 de agosto de 2013. O pleno da corporación municipal de Lourenzá tratará a creación dunha ordenanza para regular a venda ambulante e tamén a modificación das taxas que pagan os postos que se instalan nos mercados para facelas máis económicas e así incrementar o número de vendedores. Explicouno a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, que convocou a sesión plenaria, de carácter ordinario, para este venres día 16 de agosto ás 12:30 horas.
A rexedora municipal comentou que na orde do día do pleno “hai 16 puntos a tratar, varios dos cales son de mero trámite, como por exemplo o informe do segundo trimestre do 2013 da secretaria interventora sobre o seguimento do plan de axuste ou o convenio de colaboración entre Trabada, A Pontenova e Lourenzá para o proxecto de aforro enerxético no alumeado público. Tamén trataremos as alegacións á ordenanza reguladora de uso e aproveitamento especial das vías públicas, que foi aprobada na Mancomunidade e despois nos distintos concellos e a cal presentaron dende Confemadera varias alegacións en todos os concellos; trataremos de resolvelo tamén neste pleno”.
Emma Álvarez destacou que por parte da Alcaldía “proponse a aprobación da ordenanza da venda ambulante no Concello de Lourenzá, algo que non existe a día de hoxe e que regulará esta modalidade de venda tanto en mercados periódicos, como poden ser as feiras que se celebran os días 9 e 28 de cada mes, ou en mercados ocasionais, así como a venda en camións tenda con carácter itinerante. O que se recolle nesta ordenanza son distintas obrigas, a forma de solicitude, os requisitos que deben cumprir estas persoas e incluso as sancións para aqueles que non cumpran a ordenanza que poñemos a disposición do pleno para aprobala”.
Na sesión plenaria deste venres tamén se tratará “a modificación das ordenanzas fiscais que regulan esta venda, para o cal propoñemos ao pleno unha taxa anual para os mercados periódicos de 18 euros por metro lineal, que é bastante inferior á que temos a día de hoxe, de 2,05 euros por metro lineal para cada mercado. Facémolo coa finalidade de potenciar estes mercados con postos fixos e así incrementar o número de persoas que participan neles e contribuír a dinamizar o comercio no noso pobo. Quedan exentos destas cotas aqueles agricultores tanto do termo municipal de Lourenzá como dos concellos limítrofes que fagan venda directa da súa propia produción. Outra taxa que variamos, neste caso á alza, é a da explotación do pulpo, churrasco e bar, por considerar que hoxe en día que son os que están sacando un maior aproveitamento económico destes mercados dos días 9 e 28 de cada mes”, sinalou a alcaldesa.
Álvarez Chao tamén aclarou: “non recollemos taxa para a venda ambulante en camión tenda posto que vamos someter este tema previamente á Mesa do Comercio. Entendemos que xa están pagando impostos no Concello algúns dos vendedores que están facendo reparto polas casas, se ben parécenos que debe ser a Mesa do Comercio, onde están representados tanto comerciantes como consumidores, a que se pronuncie sobre este tema, sobre todo para o caso dos vendedores que son de fóra do concello. Tamén regulamos as taxas para eventos esporádicos, como poden ser a Festa da Faba ou calquera outro que realice o Concello”.
A corporación municipal tamén estudará unha proposta da Alcaldía para “derrogar o actual regulamento do servizo de axuda no fogar, xunto coa ordenanza fiscal que o regula, e propoñemos un alternativo, que se adapta á lei 3/2008 de Servizos Sociais de Galicia e tamén ao decreto 99/2012 do 16 de marzo polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. É algo obrigatorio e dende o Concello esperamos ao último pleno por considerar que algún usuario vai ver incrementada a taxa que paga, xa que non soamente se terá en conta a renda, como ata agora, senón que se valorará a capacidade económica da persoa beneficiaria do servizo en libre concorrencia. Pero hai que ter en conta que xa dende o Concello, sobre todo a técnico de servizos sociais, tratou de usar as táboas de ratios máis baixas que permite o decreto para así afectar o menos posible aos usuarios. E hai que ter en conta que se non adaptamos o noso regulamento a esta normativa teríamos que renunciar ás axudas do Plan Concertado da Xunta de Galicia, sen as cales sería imposible manter este servizo”, explicou a rexedora local.
Ademais na orden do día do pleno inclúense tres mocións, dúas delas do Partido Popular. Nunha delas ínstase á Deputación de Lugo a manter a axuda económica de 4.000 euros para a Festa da Faba e outra para establecer unha axuda anual de 200 euros á asociación Hijos de Lorenzana en La Habana para a realización de eventos e manter o panteón común que teñen. A terceira moción é conxunta, dos tres grupos da corporación, sobre a titularidade do Camiño A. “Neste caso damos as grazas aos grupos da oposición, que puxeron por diante os intereses dos veciños que os dos seus propios partidos a nivel provincial, xa que é precisamente a Área de Vías e Obras da Deputación, gobernada polo Partido Socialista, a que está poñendo trabas a este dobre cambio de titularidade entre o Camiño A e a estrada da Deputación”, manifestou Emma Álvarez.
























Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.



