Burela, 3 de setembro de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, acompañado polo seu equipo de goberno, anunciou que “o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Burela xa ten a memoria ambiental favorable, e polo tanto será aprobado con carácter provisional en breve”.
González Barcia manifestou que “nos últimos días recibimos o informe de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, e onte recibimos a memoria ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que é favorable ó PXOM. Tendo iso en conta, está xa convocada a Comisión Informativa e de Seguimento do PXOM, creada exclusivamente ó efecto, que se reunirá o vindeiro xoves, día 5, ás doce do mediodía”.
O alcalde burelés aínda non convocou o pleno, “que será de carácter extraordinario”, para a aprobación provisional do PXOM, pero “con total seguridade será nos primeiros días da vindeira semana”.
José María González Barcia, que dixo que “este é o antepenúltimo paso para a aprobación definitiva do Plano Xeral de Ordenación Municipal”, asegurou que “Burela tiña que dispoñer dun documento de planeamento urbanístico moderno e que aborde os grandes retos que temos como concello. E creo sinceramente que o PXOM cumpre con esas expectativas, co que estou seguro que este documento será o piar básico para sustentar o futuro do noso concello”.
O alcalde burelés tamén sinalou que “non se podía seguir coas normas subsidiarias que temos actualmente; foron boas e eficaces no seu momento, pero teñen máis de vinte anos e iso é moito tempo. O equipo de goberno de Manuel Mon, do que eu formaba parte, comezou un PXOM que non se concretou porque naquel momento, hai dez anos, cada tres ou catro meses se aprobaba unha normativa nova que facía máis difícil elaborar o plan, sendo o broche final a promulgación da lei dos cincocentos metros”.
González Barcia recoñece que foi o bipartito quen comezou a tramitación do PXOM. “É certo, pero tamén é certo que o documento que nós nos atopamos, aínda que o tomamos como punto de partida, non era nin moito menos a solución ós problemas de Burela; é máis, levaba parado un ano. Nós retomámolo, pero con dúas premisas básicas, facer un documento realmente útil, e apurar a súa tramitación, porque Burela precisa do PXOM coma as flores precisan da choiva. Sen ir máis lonxe, non se contemplaba solo para a ampliación do hospital, nin se prevía rebaixar a liña de afectación da actual variante”.
O rexedor indicou tamén que “nos estamos movendo dentro da temporalización que tiñamos prefixada, aprobar provisionalmente o PXOM dentro do verán do presente ano, aínda que teño que recoñecer que confiábamos que fose hai dous meses; con todo, insisto que estamos dentro da temporalización inicial”.
Barcia tamén engadiu que o PXOM, despois da aprobación provisional, será enviado á Secretaría Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia para levar a cabo os trámites de cara á aprobación definitiva do documento, que en todo caso é competencia da propia Administración Autonómica.
Finalmente engadiu : “sacar un PXOM adiante é sentar as bases do futuro e dar garantía xurídica ós propietarios de solo e emprendedores; sobre o PXOM xira todo, de aí a enorme importancia de sacalo adiante. Lembro que cando chegamos ó Concello, díxenlle ós meus compañeiros que tiñamos cinco grandes retos para este mandato municipal: sanear a economía municipal, o hospital, o acceso ó porto, Torrentes, e o PXOM. Pois ben, pouco a pouco vamos pechando o círculo, porque nos vindeiros días seguirá habendo noticias positivas sobre algún destes asuntos. En definitiva, este alcalde e este equipo estamos cumprindo con Burela a base de moito traballo, de moito sacrificio e de moita xestión”.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



