Barreiros, 11 de setembro de 2013. O artista barreirense Celso Dourado fai un balance positivo da súa participación durante dous meses nunha exposición celebrada en Greiffwald, ao norte de Alemaña. Foi a segunda mostra internacional na que estivo presente a obra de Dourado.
O artista de Barreiros aseguraba esta mañá que “o balance é enormemente positivo. Foi unha exposición colectiva de carácter internacional, que se inaugurou o 8 de xullo e rematou onte, 10 de setembro. A mostra desenvolveuse nun centro cultural ao norte de Alemaña, na localidade de Greiffwald e serviu de marco a diversas actividades culturais da universidade, co que a asistencia de público estaba asegurada. Isto foi o que me animou a participar nesta exposición cando me propuxeron a idea”.
Celso Dourado explicou que “de xeito habitual che están a chegar propostas para facer exposicións e eu as que máis me convencen son as que atendo. No 2011 a miña obra estivo en Edimburgo co gallo da festividade das culturas que se celebra todos os anos na capital de Escocia. Esta exposición de Alemaña era similar e por iso me animei a participar. Son dúas mostras de carácter internacional nas que estiven e que me satisfixeron. Estas exposición colectivas e internacionais para min son moi interesantes e moi importantes”.
Peche da tempada 2013 no Eido Dourado
O Eido Dourado está a piques de pechar a súa quinta tempada e Celso Dourado subliñou que “este ano quixemos atender bastante ás actividades complementarias. Houbo máis visitas que os outros anos, debido á cantidade de xente que pasou pola zona sobre todo durante o mes de agosto e tamén polos eventos que fixemos. Promovéronse cinco eventos, houbo que suspender unha actuación de jazz por cuestións climatolóxicas, e pasaron unha media de 200 persoas por esas citas de tipo musical e poético”. O artista barreirense aludiu ao grande esforzo que isto supuxo “para os que estamos detrás do proxecto Eido Dourado, pero cando o concebín dalgún xeito me fixen cargo de que isto non podería ser un espazo morto senón que había que programar diversas actividades culturais para que tivese viveza. Foi cansado, porque tamén tivemos eventos no cámping Gaivota, o cal supuxo un esforzo importante. Foron 4 eventos no Eido Dourado e 7 nas terrazas do cámping”.
Dourado lembrou que “este espazo adicado á arte, o Eido Dourado, ten en sí unha maior importancia porque non somos presebristas de ninguén nin vivimos de ningún tipo de subvención, o que nos fai, si cadra, un pouco máis libres”.
A tempada 2013 do Eido Dourado pechará o vindeiro domingo, 15 de setembro, para que Celso Dourado poida realizar e participar en exposicións fora dese espazo e para dedicarse a preparar e realizar máis obra para o próximo verán. O artista dixo que “os grupos que queiran visitar o Eido Dourado poden dirixirse ao teléfono que habilitamos 982 12 44 51 para poder concertar unha posible visita a este espazo”.




















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



