Lourenzá, 1 de novembro de 2013. O Concello de Lourenzá presentará tres alegacións ao proxecto de delimitación do Camiño Norte de Santiago para solicitar que non supoña más restricións para a explotación forestal, que se constrúa un albergue na antiga casa reitoral de Santo Tomé e que non se habilite unha variante marítima na ruta xacobea do Norte. Anunciouno hoxe a alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao.
A rexedora empezou lembrando que “o pasado día 22 de outubro tivemos aquí, no Concello, ao subdirector xeral de Patrimonio para falar do Camiño Norte, concretamente do proxecto de delimitación que está a exposición pública e o día 5 de novembro remata o prazo para presentar alegacións. Naquela reunión aos veciños que estaban alí, concretamente aos do barrio de Canedo, ofrecémoslles a posibilidade de canalizar as alegacións que eles consideraran oportunas a través do Concello e facelas chegar nun único documento á Dirección Xeral de Patrimonio. Rexeitaron esta oferta, posto que deixamos de marxe ata o día onte para que se pasaran polo Concello e, aínda que somos conscientes de que tiveron varias reunións, ao final non deberon de frutificar ou deben de presentalas de xeito individual”.
Emma Álvarez explicou que “dende o Concello de Lourenzá vamos rexistrar un escrito onde recollemos tres alegacións a este proxecto de delimitación do Camiño Norte. Tendo en conta que non se incorporan aos estudos realizados para a súa delimitación ningún de impacto económico ou social na poboación e como lle pode afectar ao concello de Lourenzá, obviando totalmente desa maneira os dereitos dos veciños e do seu tecido socioeconómico e cultural, intimamente ligados á explotación forestal, tomando en consideración unicamente o rigor histórico, que nós non poñemos nunca en interdito”.
Sobre a primeira alegación a alcaldesa comentou que “consideramos que no caso de que no día de mañá se catalogue o Camiño Norte como Ben de Interese Cultural (BIC) se teña en conta que o trazado, na súa variante que entra en Galicia por Abres, atravesa unha importante masa forestal, que é un sector produtivo prioritario no noso concello e tamén no limítrofe de Trabada. Entón pedimos que, no caso de que se catalogue como BIC, as restricións referidas ás talas, reforestacións e plantacións nunca sexan máis restritivas das que xa existen pola conxugación da lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia e a lei 3/1996 de protección dos Camiños de Santiago. Pola tanto poderíanse plantar especies autóctonas a dous metros do Camiño e o resto de especies a catro metros”.
Respecto á segunda Álvarez Chao destacou que “pedimos a catalogación da antiga casa reitoral de Santo Tomé como obxectivo prioritario de investimento no tocante á súa rehabilitación e constitución como albergue. Tendo en conta que o propietario do inmoble é a Igrexa iniciaranse por parte do Concello os trámites necesarios para acadar a súa cesión a fin de prestar servizo ao Camiño. Tomamos esta decisión tendo en conta que no trazado que entra en Galicia dende Abres o núcleo poboación de Santo Tomé está equidistante dos albergues existentes en Ribadeo e Abadín en 25 quilómetros, polo que poderían ser dúas etapas do Camiño. Consideramos que o núcleo de Santo Tomé conta cos servizos necesarios para que os peregrinos poidan pasar a noite e nesta casa reitoral podería facerse un albergue, que estaría situado nun ben catalogado xa como patrimonio etnográfico e arquitectónico”.
E sobre a terceira alegación a rexedora manifestou que “despois de coñecer pola prensa as pretensións da asociación Abrindo Camiño de habilitar a variante marítima da ruta xacobea do Norte nós pedímoslle a Patrimonio que rexeite esta petición por dous motivos: porque a existencia de tres variantes neste Camiño Norte desvirtuaría a esencia da ruta en si; e, por outra parte, porque con data 8 de abril de 2010 a comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade dos tres grupos políticos alí representados instar á Xunta de Galicia a desenvolver os trámites e xestións que estime oportunas co obxecto de oficializar como ruta xacobea este novo viario de peregrinación coñecido como Camiño do Mar; de tal xeito que se inicien os traballos para a divulgación e promoción deste percorrido, que empeza en Ribadeo e continúa polos concellos da costa de Lugo ata Ortigueira, Cedeira e Neda, onde se funde coa ruta oficial do Camiño Inglés. Desta maneira cremos que esa posible variante que Abrindo Camiño pretende que se recoñeza dentro do Camiño Norte tería máis peso e parécenos que contaría con maior entidade se fora xa recollido nesa outra ruta do Camiño de Santiago que sería o Camiño do Mar”.
“Esperamos que a directora xeral de Patrimonio, xunto co equipo redactor do proxecto de delimitación do Camiño Norte teñan en conta estas alegacións, posto que inflúen directamente na economía do noso concello, tanto no sector forestal como no turístico e comercial”, rematou Emma Álvarez.






















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



