Ribadeo, 13 de novembro de 2013. A Casa da Ría acollerá varios obradoiros medio ambientais organizados pola Deputación de Lugo e a Reserva da Biosfera Terras do Miño. Están dirixidos a adultos e tamén a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos.
O obradoiro dirixido a adultos denomínase Economía sostible no fogar e terá lugar os días 27 e 28 de novembro de 17 a 19 horas. Este estará dividido en varias sesións e o seu obxectivo pasa por promover o aforro de enerxía, auga e reciclaxe nos fogares, o cambio de costumes dilapidadoras ou sentirse parte dun movemento de cambio social cara a eficiencia e proporcionando as ferramentas e coñecementos para poder aplicalo. Na primeira sesión os asistentes, un máximo de 20, abordarán cuestións coma: a reciclaxe de papel e elaboración de cestas con este material e tamén a realización de cremas cosméticas. Na segunda sesión os protagonistas serán a elaboración de xabóns, deterxentes e suavizantes e de combustible biodiesel.
O obradoiro dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, e cun límite de 25 prazas, será o 14 de decembro de 12 a 14 horas. Os asistentes a Coñece o teu contorno reflexionarán sobre o noso papel como habitantes deste pequeno e limitado planeta, creando nos rapaces valores positivos en cando ao coñecemento, respecto e sensibilidade polo medio ambiente. O obradoiro estará dividido en dúas partes: E agora: onde imos? e Os Superanimais.
Os interesados poden apuntarse a través da páxina web da Deputación de Lugo, en concreto no seguinte enlace:
http://www.deputacionlugo.org/formulariosDeputacion/terrasmino_riorato13.html
Para obter máis información:
und.medioambiente@deputacionlugo.org
Deputación de Lugo – C/ San Marcos N°8. 27001 Lugo (Galicia)























A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



