Cervo, 14 de novembro de 2013- O Concello de Cervo aprobou este xoves os orzamentos para 2014 durante o pleno extraordinario celebrado esta mañá. Unhas contas nas que destaca especialmente a aposta polo emprego, xa que este ano destinaranse 100.000 euros ás bolsas de formación remuneradas para os mozos e mozas con formación universitaria e de FP.
Estas bolsas comezáronse a ofrecer este ano, para as que o goberno local dedicou 35.000 euros. Deste xeito, no 2014 poranse en marcha por segundo ano consecutivo, pero neste caso a partida multiplicarase por tres, pasando dos 35.000 euros deste exercicio aos 100.000 do ano que vén.
Ao longo de 2013 o equipo de goberno preocupouse polo desenvolvemento do plan, comprobando que estaba sendo proveitoso para os beneficiarios, todos eles mozos e mozas con estudos e que están realizando prácticas en diferentes departamentos do Concello así como en empresas da zona. Así, despois de confirmar o seu bo funcionamento, o Concello decidiu incrementar o importe destinado a este programa.
“O Concello de Cervo é pioneiro en toda Galicia na posta en marcha de medidas de fomento do emprego xuvenil, ofrecendo aos nosos mozos con estudos a posibilidade de adquirir experiencia no campo de traballo relacionado coa súa formación” asegura a edil de Facenda e Emprego, Yolanda Pedreira, que expuxo hoxe durante a sesión plenaria as cifras dos orzamentos e destacou tamén este plan de emprego.
Pedreira lembra que estas bolsas ofrécense a través dun convenio de colaboración coa fundación FEUGA, e que están financiadas ao 100% con fondos municipais no caso dos beneficiarios que desenvolven as súas prácticas en departamentos do Concello, e ao 50% no caso dos que as fan en empresas, xa que neste caso a entidade privada achega o 50% restante. “Dende o Concello de Cervo temos claro que o emprego é unha prioridade á que temos que destinar todos os esforzos que sexan posibles. Por iso decidimos triplicar o investimento para esta medida” engade a edil, que ademais lembra que o propósito do goberno municipal é “dar a oportunidade de participar neste programa a todos os nosos mozos titulados”.
Neste sentido Pedreira comprométese a “seguir traballando para que as arcas municipais se manteñan no déficit cero, e na estabilidade orzamentaria e, en xeral, nunha boa saúde, porque a solvencia económica do Concello é a que nos permite destinar 100.000 euros ao fomento do emprego xuvenil”.
Non subirán os impostos
Os orzamentos aprobados ascenden a máis de 5,1 millóns de euros, o que supón un incremento do 3% con respecto ao ano anterior, e cuns investimentos reais que se manteñen nos 237.500 euros. Cabe destacar que no 2014 poranse en marcha novos servizos, como o saneamento e a EDAR de San Ciprián, e ao mesmo tempo manteranse todos os servizos que se veñen prestando ata o de agora e coa mesma calidade pero sen subir impostos, taxas ou ordenanzas, tal e como xa se fixo no 2013 e como se fará tamén no 2015.
Durante a sesión tamén se aprobou a amortización anticipada de débeda por importe de 330.000 euros, o que significa que o Concello cancela parte da súa débeda cos bancos. Unha operación que se realiza cumprindo coa normativa vixente precisamente pola boa situación económico-financeira das arcas municipais, que permite ademais falar de déficit cero e dunha débeda aos provedores que pasou dos 2 millóns de euros no 1999 aos cero euros no 2014. Tamén a débeda bancaria se reduciu dende o 1999, cando era do 151% e que se prevé que se sitúe no 51% no 2014.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



