Ribadeo, 5 de decembro de 2013. Os dous camións da recollida do lixo de Ribadeo sufriron avarías nas últimas horas, o que está a ocasionar que o servizo non se estea a prestar con normalidade, segundo informa a Concellaría de Medio Ambiente. Horacio Cupeiro agarda que un dos camións poida retomar a actividade na xornada deste venres.
O edil nacionalista explicou que “debido a problemas técnicos nos camións de recollida do lixo, no ordenador no caso do camión urbano e no turbo no camión encargado do rural, nestes momentos nos vemos imposibilitados a prestar este servizo, esperando que mañá estea solucionado o problema nun dos camións e nos permita retomar a actividade”.
Cupeiro indicou que “tamén maña, día festivo, a estación de transferencia de Barreiros estará pechada, non permitíndonos recoller a cantidade de residuos que desexaríamos, co que non poderemos restablecer o servizo en condicións axeitadas ata o sábado”.
O concelleiro de Medio Ambiente pide desculpas á cidadanía, “esperando que entendan que se trata de problemas técnicos alleos á nosa vontade, ante os cales traballamos para solucionalos o antes posible”.