O Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña quere amosar o seu descontento coa alcadía de Cervo pola ausencia da moción en solidariedade cos xubilados da emigración sancionados por Facenda na orde do día do pleno municipal deste xoves 5 de decembro.
“O devandito feito supón unha enorme falta de sensibilidade cara a un sector con grande presenza na sociedade galega e na mariñá en particular, os xubilados da emigración, máxime nestes momentos nos que están a sufrir un acoso abusivo por parte da Axencia Tributaria”, manifestan dende a Plataforma.
“Soubemos da non inclusión da moción na orde do día cando o Grupo Municipal do BNG se dirixiu ao Colectivo para preguntar se o devandito texto fora remitido ao Concello de Cervo, tras a nosa resposta afirmativa e máis a nosa sorpresa, os concelleiros do BNG ofrecéronse a presentala por urxencia, única maneira de que a nosa moción sexa debatida no pleno do día 5”, explican.
O Colectivo manterase “vixilante para que a moción figure nas ordes do día de todos os plenos municipais celebrados na comarca da Mariña e para que sexa aprobada polas respectivas corporacións”, advirten dende o Colectivo.