A Mariña, 17 de decembro de 2013. Emigrantes retornados da Mariña concentráronse a partir das 15:30 horas deste martes diante do Parlamento Galego, xunto con colectivos doutras comarcas galegas, para demandar a aprobación polo pleno do Parlamento Galego modificacións na Lei Tributaria en relación á dobre tributación do colectivo de emigrantes retornados que traballaron en estados estranxeiros cos que o Estado Español ten asinado convenios de seguridade social, tendo en conta que xa existen cinco sentenzas xudiciais do TSXG que interpretan a norma en sentido contrario ao que o fai a Axencia Tributaria Española. Ademais demándase a modificación do umbral para a obrigatoriedade da declaración da renda, haxa un ou mais pagadores, elevando a 22.000 os ingresos anuais a esta cantidade e non en 11.200 como existe na actualidade no caso da existencia de varios pagadores.
Pídense modificacións na lexislación tributaria fundamentais para rematar coa persecución inxusta e inmoral de Facenda contra o colectivo de emigrantes retornados.
O emigrantes retornados da Mariña asistiron a unha concentración diante do Parlamento Galego, xunto con plataformas doutras comarcas galegas, para apoiar a Proposición de Lei impulsada polo BNG que reclama a modificación da Lei 35/2006 de 28 de xaneiro do Imposto sobre a Renda das persoas Físicas relativa a tributación por pensións públicas percibidas por persoas emigrantes retornadas de estados cos que existe convenio sobre dobre imposición.
Na modificación lexislativa, avalada por ate cinco sentenzas do TSXG, reclámase a modificación do Art. 7 para a adopción dunha nova exención – acorde coas sentenzas do TSXG – para pensións públicas percibidas de Estados cos que existe convenio de dobre imposición.
A segunda modificación lexislativa demandada afecta ao Art. 96 para outorgar un tratamento equitativo no relativo á obriga de declarar, establecendo o límite de 22.000 euros e non 11.200 como se fixa na actualidade, aínda que exista mais de un pagador.
Na modificación lexislativa que se propón inclúese unha disposición adicional para revogar con efectos retroactivos os expedientes abertos pola Axencia Tributaria contra emigrantes retornados, tendo en conta as sentenzas do TSXG contrarias implicando a devolución dos ingresos ás persoas afectadas.
O colectivo agarda con esperanza o apoio unánime dos grupos para rematar coa arbitrariedade na aplicación da norma por parte da Axencia Tributaria Española.
O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña, ao igual que todas as plataformas galegas deste colectivo, agardan con esperanza a aprobación por parte dos grupos con representación no Hórreo desta iniciativa, xa que suporía o fin dunha persecución inxusta e arbitraria por parte da Axencia Tributaria Española.
Con todo recoñecen que de aprobarse esta modificación, non supón a consecución dos seus obxectivos ao non contar a Xunta de Galiza con competencias plenas en materia tributaria, mais supón un paso adiante na liña de que o goberno do Estado afronte as reformas reclamadas, polo que agardan do goberno galego as xestións e a presión necesaria para a súa modificación.
O colectivo mariñao, non quere desculpas nin saídas pola tanxente, quen hoxe apoie esta iniciativa terá os parabéns da xente afectada por esta persecución indecente e inmoral contra traballadores e traballadoras que tiveron que botar moitos anos fora da terra na busca de sustento e futuro.
Quen non o faga retratarase como cómplice dunha estafa contra milleiros de persoas que non buscaron nunca defraudar ao contrario daqueles aos que este mesmo ano a mesma administración tributaria premiou con amnistíaas fiscais.
Proposición de Lei relativa á tributación das pensións públicas de emigrantes retornados
Foi o Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego o que presentou unha Proposición de Lei de reforma da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, relativa á tributación das pensións públicas percibidas por persoas emigrantes retornadas de estados cos que existe convenio sobre dobre imposición.




















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



