O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, informou trala xunta de goberno deste venres sobre a resolución do plan de emprego para os Concellos lucenses con menos recursos, discriminados polo Goberno galego de Feijóo. “32 municipios de todas as cores políticas, despois do teatro que fixeron Alcaldes do Partido Popular que saíron detrás da pancarta dunha vergonzosa manifestación, solicitaron esta liña de emprego da Deputación. Outra incongruencia máis do PP”. Estes foron os seguintes: Begonte, Burela, Cervo, Friol, Lourenzá, Monterroso, As Nogais, Ourol, Pol, Rábade, Sober, Triascastela, O Vicedo, Baleira, Ribeira de Piquín, Meira, Riotorto, Guntín, A Pastoriza, Trabada, Cervantes, Quiroga, A Pontenova, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Becerreá, A Fonsagrada, Pobra do Brollón, Ribas do Sil, Pedrafita do Cebreiro, Samos e O Incio.
Destes, 13 Concellos non cumpriron cos requisitos, que eran contar con menos de 5.000 habitantes e non se ter beneficiado dun obradoiro ou escola taller da Xunta de Galicia dende 2009. Trátanse dos municipios de Begonte, Burela, Cervo, Friol, Lourenzá, Monterroso, As Nogais, Ourol, Pol, Rábade, Sober, Triascastela e O Vicedo.
Tendo en conta os criterios obxectivos de adxudicación, que son taxa de paro, superficie da rede natura e superficie forestal, resultaron 12 os Concellos beneficiados: Cervantes, Quiroga, A Pontenova, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Becerreá, A Fonsagrada, Pobra do Brollón, Ribas do Sil, Pedrafita do Cebreiro, Samos e O Incio.
Estes municipios poderán contratar a un total de 80 lucenses en paro para a mellora de servizos públicos. Por exemplo, obras no medio rural, traballos no medio ambiente, intervencións en espazo públicos e naturais, medidas preventivas en defensa do medio ambiente…., en definitiva, para atender as necesidades imprescindibles para o benestar dos veciños.
Para elo, recibirán un total de 2 millóns de euros de fondos propios da Deputación, cos que asumir os custes da seguridade social e as retribucións dos traballadores, que superarán os 1.000 euros mensuais.
O reparto do número de traballadores fíxose segundo o número de habitantes, habendo un máximo de 11 traballadores para municipios de ata 5.000 habitantes, e un mínimo de 4 traballadores para Concellos de menos de 500 habitantes.
Traballadores e subvención
Cervantes, cunha poboación de 1.593 habitantes, contará con 5 traballadores para os que recibe unha subvención de 135.075 euros; Quiroga, 3.595 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; A Pontenova, 2.673 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; Navia de Suarna, 1.337 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Negueira de Muñiz, 213 habitantes, 4 traballadores e 108.060 euros; Becerreá, 3.072 habitantes, 8 traballadores e 216.120 euros; A Fonsagrada, 4.198 habitantes, 11 traballadores e 297.165 euros; A Pobra do Brollón, 1.968 habitantes, 5 traballadores e 111.792 euros; Ribas do Sil, 1.058 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Pedrafita do Cebreiro, 1.199 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; Samos, 1.556 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros; O Incio, 1.875 habitantes, 5 traballadores e 135.075 euros.
Agora, os Concellos deberán facerse cargo dos proceso de seleccións do persoal. A diferencia dos obradoiros de emprego doutras administracións, nos que as persoas están empregadas durante 6 meses, os beneficiados deste plan traballarán durante 15 meses.
Obras da sede da UNED en Lugo
A Xunta de Goberno Provincial aprobou este vernes as derradeiras obras da nova sede da UNED en Lugo, dotadas de 518.700 euros, para que a cidade luguesa conte no curso 2014-2015 co centro referencial da universidade a distancia no noroeste de España, destacando entre os restantes en Galicia, Asturias e Castela León. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que “con estas actuacións faremos que o bloque 1 da UNED sexa totalmente accesible, é dicir, adaptado a persoas con discapacidades físicas. O seguinte paso será abrir o proceso de contratación para a vindeira adxudicación da segunda e derradeira fase destes traballos”.
Paralelamente, o organismo provincial continuará coa execución da primeira fase destas actuacións, dotada de 1,6 millóns de euros, que consiste na remodelación do bloque 1 ata acadar un edificio de case 2.000 metros cadrados útiles, distribuídos en catro prantas, con todos os servizos (luz, auga, calefación, rede de telecomunicacións e audiovisual, sistema eléctrico, calefacción…..).
En total, o presuposto para a remodelación do bloque 1 é de 2.118.708 euros. Desta cantidade, a UNED achega 393.367 euros mentres que a Deputación aporta a cantidade restante, que ascende 1.725.340 euros. Deste xeito, a institución luguesa está a adiantar o orzamento do Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED en Lugo, que este organismo deberá devolver á Deputación en 12 anualidade de 110.997 euros, ata sumar 1.331.973 euros. E é que segundo o convenio asinado, as achegas finais para a remodelación do bloque 1 son as seguintes: UNED: 393.367 euros; Consorcio 1.331.973 euros; e Deputación 363.367 euros.
Ademais deste último orzamento e de adiantar o presuposto do Consorcio, a aportación da Deputación de Lugo é aínda maior, pois investiu outros 90.000 euros na demolición do bloque 2 e adaptación deste espazo, converténdoo no aparcadoiro da UNED, con 1.900 metros cadrados e máis de 90 prazas. Así mesmo, cede de xeito gratuíto á universidade as instalacións provinciais do Hotel Miño, adquiridas polo Partido Popular no 1984 e en desuso dende entón, dándolles por fin finalidade pública.
161.000 euros de aforro
A Deputación aforra 161.000 euros ós Concellos de Láncara, Trabada, O Vicedo e Pobra do Brollón co seu Plan Enerxético, xa que asume todos os custes desta iniciativa a diferencia do plan da Xunta, que obriga ós municipios a pagar o 30% dos gastos. Este aforro distribúese do seguinte xeito: 40.000 euros das auditorias enerxéticas, que realizamos dende a Axencia Provincial da Enerxía; 82.280 euros coa adquisición e instalación do material enerxético; 38.720 euros, que é a cantidade anual que verán reducida a factura pola luz.
A Xunta de Goberno acordou hoxe a contratación de 1.875 compoñentes enerxéticos para este municipios, que se distribúen deste xeito: 246 para o alumeado público e biblioteca de Láncara; 340 para o alumeado público de Trabada; 269 para o alumeado público, centro sociocultural e edificio multiusos do Vicedo; 1.020 para o alumeado público, Casa Consistorial e Casa da Cultura da Pobra do Brollón. Hai que ter en conta que son os propios Concellos os que deciden as instalacións e edificios nos que aplicar o plan enerxético da Deputación.
Son un total de 37 os Concellos que, de xeito voluntario, decidiron sumarse a esta iniciativa da Deputación: Abadín, O Incio, A Fonsagrada, Pol, Cervantes, Samos, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, Navia de Suarna, A Pastoriza, Meira, Becerreá, Viveiro, Riotorto, Ribas de Sil, Guntín, Monterroso, Láncara, Trabada, O Vicedo, A Pobra do Brollón, Ribadeo, Monforte, Guitiriz, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Xove, Sober, Quiroga, Friol e Castroverde.
Máis aforro
A sesión aprobou as contas xustificativas de 4 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en núcleos rurais de Baleira, As Nogais, Portomarín e Vilalba, consistentes en melloras de servizos públicos municipais, coas que a Deputación aforra 34.348 euros ás arcas locais.






















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



