A Asociación Cultural Eme de Meira organiza para este sábado en Meira a representación de teatro de títeres “Fábula Galénica” da compañía Fantoches Baj. A representación terá lugar na casa da cultura de Meira ás 18:00 horas e a entrada será libre.
No espectáculo Fábula Galénica, títeres de luva interpretan dentro dunha preciosa radio antiga unha divertida historia de absoluta actualidade que bebe dos contos populares.
Narrado coma se dun programa de teatro radiofónico se tratase cóntase como na comarca de Catasós ven reducidos os seus recursos polo desexo do Rei Don Cardo de construírse un castelo novo e desproporcionado. Isto obriga ao Burro Eduardo xunto coa raposa, o lobo e o regato a organizárense na súa loita contra o Rei para recuperar a vida da fraga e a súa contorna.
Fábula Galénica é unha metáfora das actuais desordes económicas fácil de comprender polos rapaces que empatizan claramente cos animais poñéndose do seu lado. A través deles tramíteselle, dunha forma divertida, a importancia do respecto polo medio ambiente, da amizade e da honradez. Valores necesarios fronte a unha sociedade que actúa de xeito egoísta e baixo o dominio do consumismo.