No último quinquenio a tarifa eléctrica subiu no Estado español un 63% mentres que diminuíu máis dun 10% o salario medio … o das persoas que tivemos a sorte de conservar o traballo nese tempo e non pasamos a engrosar as filas do exército da reserva, integrado por case seis millóns de persoas desempregadas.
Por se fose pouco, aínda temos que escoitarlles dicir aos dirixentes do oligopolio eléctrico (e ao ministro de Industria) que segue a medrar o déficit tarifario, ou sexa, o diñeiro que lle debemos entre todos ás empresas eléctricas. A débeda acumulada seica reborda xa os 30.000 millóns de euros. Pataca minuta, como dixo o inefable Caneda!
E teiman coa Débeda Eléctricaquince anos despois de que o goberno Asnar agasallase ao oligopolio eléctrico hispano con máis de 6.000 millóns de euros, como “compensación” polos custos de transición á competencia (CTC), unha competencia que por certo nin chegou a este mercado nin se lle espera.
Comezou esta semana unha iniciativa popular que espera xuntar 500.000 sinaturas co obxectivo de que se faga unha auditoría das contas das grandes empresas eléctricas e así fixar obxectivamente os custos de xeración da electricidade. Agora, escandalosamente, acéptase a contía que as empresas marcan. “Palabra do lobby eléctrico: adorámoste, Señor”?
“ESCÁNDALO, ES UN ESCÁNDALO…”
Mentres, dous ex presidentes do goberno español, varios exministros e moitos ex altos cargos seguen nos Consellos de Administración das empresas que, agrupadas en UNESA, forman o lobby eléctrico; continúa a práctica da porta xiratoria, na que algúns políticos do sistema entran como altos cargos públicos .. e saen con altísima remuneración na gran empresa privada.
Xa leva medio século avisando Raphael: “Escándalo, es un escándalo …”, pero case ninguén lle fixo caso. E así nos vai! A Deus o que é de Deus e o Raphael o que é del!
O expresidente Phelipe González declarou hai pouco que “se aburre” no seu ben remunerado posto ao servizo dunha das grandes empresas eléctricas. Que grave problema …! Un “problemón”, en comparanza co moito que se deben estar divertindo millóns de persoas que quedaron sen traballo ou conservárono cun soldo minguante. Este destacado exdirixente psoecialista que comparou aos expresidentes de goberno cos xarróns chinos (polo aquel de que non se sabe onde poñelos) atopou un bo lugar para colocarse el, moi iluminado e mellor remunerado.
Por se fose pouco o escándalo, esta semana os medios de comunicación informaron da probable entrada no Consello de Administración de ENAGAS de exdirixentes do PP como Antonio Hernández Mancha, Isabel Tocino ou Ana Palacio. Moitos “populares” da vella garda dunha tacada. O Estado conserva unha participación no capital social desta empresa enerxética e supoño, a diferenza de moitos malpensados, que se escollen a estas persoas será polos seus recoñecidos méritos profesionais no sector enerxético.
OS DOUS IMPOSTOS DA TARIFA ELÉCTRICA
Estea empobrecida ou enriquecida, sexa actualmente semi-mileurista ou multimillonaria, unha persoa debe pagar a mesma porcentaxe de IVE (un 21% trala última suba do goberno Marianista!) en cada recibo enerxético (de luz ou de gas) e noutros que cada mes chaman ás nosas portas (como os de telecomunicacións:telefonías fixa e móbil).
Non se aplica un tipo impositivo do IVE máis baixo (o reducido do 10% ou o superreducido do 4%) ata un limiar de consumo de kilowatios e/ou ata un nivel de ingresos, e un 21% a partir deses niveis. Non; café cortado para todos (…pero para un máis doado de pagar que para outros).
Aí teñen unha achega para darlle pulo á pobreza enerxética de parte da cidadanía, abondando na exclusión económico-social de moitas familias.
Por se non fose de abondo, o recibo da luz que pagamos incorpora, ademais do Imposto sobre o valor engadido, outro imposto indirecto: o imposto especial sobre a electricidade.
O “imposto eléctrico”, nome co que vostede pode atopalo en calquera recibo da luz, grava cun 5% os euros gastados na enerxía eléctrica e máis no termo fixo de potencia (a parte fixa do recibo).
Pero non se perda isto!: o que pague como imposto eléctrico aplícaselle tamén o 21% de IVE. Un imposto indirecto que se aplica sobre o pagado noutro imposto indirecto. A cuadratura do círculo! Para que vexan que hai mentes creativas fiscalmente, que non descansan na creación de novos tributos…en vez de centrar os seus esforzos e perseguir aos defraudadores fiscais ( e non incentivalos con amnistías impositivas).
Bote contas co recibo eléctrico na man! Eu xa o fixen: págolle ao Estado español un 27% de impostos sobre o que me cobra a empresa eléctrica. Que xa non é pouco!. Non é estraño que ocupemos un dos postos no podium das tarifas eléctricas máis caras da Unión Europea; alá quedan, atrás de nós, 25 Estados cun ha luz máis barata, mesmo varios cun nivel salarial moito maior que o noso: Dinamarca, Holanda, Gran Bretaña, Francia, Bélxica, eta.
CAIXÓN DE XASTRE OU CAIXÓN-DESASTRE?
No recibo da luz estamos a pagar, na súa parte fixa, unha chea de gastos do Estado que non deberían financiarse ás agachadas nun servizo de primeira necesidade (como é a enerxía eléctrica). Neste saco sen fondo entran, por exemplo, primas ás enerxías renovables, axudas á reconversión do sector mineiro ou compensacións ao oligopolio eléctrico polo parón nuclear.
Para que o pago fose equitativo, habería que facelo vía orzamentos do Estado, xa que os ingresos públicos teñen un compoñente de progresividade (vía impostos directos como o IRPF ou o Imposto sobre sucesións e doazóns) mentres que non a hai nos impostos indirectos nin nos cobros escondidos no caixón-desastre do inextricable recibo da luz.
PAGAMOS MENOS POLA LUZ EN GALICIA, PARA COMPENSAR O CUSTO SOCIAL DA XERACIÓN DE ELECTRICIDADE?
Pois non, a nosa tradicional capacidade xeradora de electricidade non supuxo unha diminución na tarifa eléctrica que pagamos, en compensación dos fortes custos sociais froito desta actividade económica (asolagamentos de fértiles valles, contaminación pola chuvia ácida das centrais térmicas, etc).
A cousa vén de lonxe, lembren algúns versos do poema de Manuel María “Cantiga das Encrobas”, logo musicado e cantado por Fuxan os Ventos:
“Primeiro Portomarín/ logo Castrelo do Miño,/¡Dispois tocoulle As Encrobas/ sufrir parello destiño! (…) As terras son dos labregos/ dende tempo inmemorial/ máis agora, sin razón/ róuballas o capital”.
Por certo, unha anécdota ao fío disto: cando saíu á venda este disco (“O tequeleteque”), en 1977, os altofalantes exteriores dunha tenda de discos situada ao pé da sede central de FENOSA, en A Coruña, estiveron emitindo durante varias semanas esta “Cantigas das Encrobas”, para que a escoitasen ben os altos directivos desa empresa.
Aínda non se consumara a UNIÓN PENOSA (ou a PENOSA UNIÓN, se prefiren) que na seguinte década trasladaría a Madrid o centro de decisión da empresa eléctrica galega… e máis a centos de traballadores, nun vergoñento proceso de deslocalización que seguiría ata antonte mentres “os nosos gobernantes” miraban para o outro lado (FADESA, Banco Pastor, Banco de Crédito e Inversiones, eta) ou se enchían a boca a falar do gran grupo lácteo galego mentres a granadina PULEVA compraba a LEYMA sen que ninguén afortalase desde as distintas Consellerías a nivel industrial a primacía que Galicia tiña no Estado no tocante ao leite recollido das explotacións gandeiras.
Máis aínda; é ben sabido que no transporte da electricidade pérdese parte da potencia, polo que debería pagarse máis canto máis lonxe se estivese das instalacións xeradoras de electricidade, cousa que nunca aprobou o centralismo español que perpetuou a tarificación eléctrica “única”. Una, grande (polo prezo) e libre (libre de pagar os custos sociais que xerou).
Manuel Roca Cendán.























Cómpre sinalar que este produto conta cun distintivo de calidade diferenciada, a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, un dos 36 selos recoñecidos en Galicia que amparan a súa excelencia. Neste sentido, a Xunta vén de lanzar a nova marca Aquí Sabemos, coa que se busca reforzar o coñecemento e a identificación por parte dos consumidores dos produtos alimentarios galegos protexidos por figuras de calidade diferenciada.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
O evento ofrecerá mel, produtos de tempada, artesanía, gastronomía e outras propostas locais. O Concello do Valadouro mantén aberto o prazo de inscrición para persoas e empresas expositoras, que poden presentar a súa solicitude na sede electrónica ou nas oficinas do Centro Socio-cultural, Xuvenil e da Terceira Idade “Manuel Lourenzo” ata o martes 6 de outubro, ou ata completar os postos dispoñibles.
Están organizadas por Acisa e financiadas pola Área de Medio Rural e Mar da Deputación de Lugo. 25 locais hostaleiros ofrecen tapas e racións en diversas preparacións. Acisa repartiu entre os establecementos 1.100 quilos de mexillóns para esta cita gastronómica. Ata Ribadeo se achegou o deputado Dani García, que estivo xunto á presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, e os concelleiros ribadenses Martín Graña e Vicente Castro.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falou coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá. Por diante queda toda unha fin de semana chea de actividades arredor da faba de Lourenzá. Os organizadores animan a acudir a esta cita.
Os asistentes puideron coñecer de preto unha particular viaxe que parte de Ribadeo e percorre Galicia en 37 etapas bordeándoa e combinando ciclismo, patrimonio, cultura e paisaxe. Jorge Justo estivo acompañado polo alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e por Pablo Mosquera, ex director do Hospital da Costa (agora Hospital Público da Mariña).
Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.



