CERVO, 10 DE MARZO. Os socialistas de Cervo denuncian o estado lamentable dunha das pistas de A Senra, “tras recibir as protestas de veciños da zona, achegámonos ó lugar e comprobamos que esta estrada en concreto se atopa chea de baches e socavóns”.
Ó non ser a primeira vez que os membros do Grupo Municipal Socialista teñen que facer pública este tipo de denuncias, subliñan que “é unha mágoa que a xestión do señor alcalde, Alfonso Villares, en materia de vías municipais sexa tan desastrosa. A vagancia e despreocupación por estes asuntos do concello chegan ata tal punto, que parece que ata que salen na prensa non se fai nada por darlles solución”.
Os veciños de A Senra, novamente castigados por este goberno do PP, “agardan o arranxo do vial coa maior urxencia posible. Pedimos que se poñan a traballar e que en lugar de preocuparse tanto por atacar directamente a outras administracións, non se esquezan das súas verdadeiras competencias”.