Cervo, 21 de marzo de 2013. A Comisión Provincial de Patrimonio na xuntanza do día 28 de febreiro informou como “non legalizábeis” as actuacións levadas a cabo polo goberno municipal no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos e dar traslado á Direccións Xeral de Patrimonio da proposta de “incoación de expediente sancionador contra o concello por estas intervencións”. A acta da sesión deberá ser refrendada e aprobada na próxima xuntanza da Comisión Provincial. Dende o BNG xa foi denunciada publicamente esta actuación que foi cualificada como “desastrosa” e que unha vez vista toda a documentación “non contaba coa aprobación previa da Dirección Xeral de Patrimonio como corresponde no caso dos Bens de Interese Cultura como é o caso de Sargadelos”.
UN GOBERNO LOCAL QUE ACTÚA COMO PEPE GOTERA E OTILIO E UNHA DELEGACIÓN PROVINCIAL DE CULTURA NEGLIXENTE QUE NON CUMPRE COAS SÚAS OBRIGAS
Para os nacionalistas “ademais de evidenciar unha actuación pouco respectuosa e coidadosa co patrimonio, estamos diante dunha actuación ilegal xa que o goberno local actuou – para intentar amañar a desfeita provocada pola que si estaba autorizada – sen contar cos permisos pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio, mesmo acusan á propia Delegación Provincial de Cultura de neglixente ao non trasladar no momento da execución das obras a técnicos que verificaran a súa boa execución”, como corresponde nun espazo protexido como é Sargadelos.
A fronte nacionalista mesmo desminte os informes remitidos polo goberno local ás autoridades de Patrimonio cando negan movementos de terra na zona, “xa que si existiron e utilizouse maquinaria sobre o terreo que non está permitida sobre xacementos deste tipo polo perigo de danar estruturas”, tal como evidencian documentos gráficos existentes.
O GOBERNO LOCAL PASOU DUNHA TALA PERMITIDA DE NON MAIS DE DOUS OU TRES PIÑEIROS A ELIMINAR 20 EXEMPLARES, ENTRE PIÑEIROS E ACACIAS, E PROVOCAR UN DESASTRE NO PATRIMONIO CULTURAL
O Goberno municipal solicitou á Delegación Provincial da Consellaría de Cultura o 8 de outubro de 2013 permiso para a corta de varios piñeiros no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, obtendo permiso o 25 de outubro da tala de varios exemplares “na zona mais próxima á sala de exposicións” que foi executada o 30 de xaneiro de 2014 “sen tomar as debidas medidas de protección sobre o patrimonio provocando o derrube doutros exemplares e mesmo derrubando mais dos autorizados en zonas fora do ámbito descrito pola resolución de 25 de outubro”. O resultado desta actuación “supuxo a tala sete piñeiros e trece acacias con moitos anos de antigüidade, danos no mobiliario de pedra do merendeiro e nos muros de protección a redor do mesmo que o BNG xa denunciou en días pasados.
FEITOS CONSUMADOS, ACTUACIÓN ILEGAL E EXPEDIENTE SANCIONADOR PARA O CONCELLO
Despois da actuación o goberno local remitiu informe á Delegación Provincial de Cultura o 25 de febreiro, con ditame da Comisión Provincial de Patrimonio na xuntanza do día 28 de febreiro informou como “non legalizábeis” as actuacións levadas a cabo polo goberno municipal no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos e dar traslado á Direccións Xeral de Patrimonio da proposta de “incoación de expediente sancionador contra o concello por estas intervencións”. A acta da sesión deberá ser referendada e aprobada na próxima xuntanza da Comisión Provincial.
Na súa argumentación, a Comisión Provincial estima que “as actuación executadas, tanto de non tomar as medidas necesarias para evitar danos noutras árbores de gran porte, mobiliario e muro tradicional así como a decisión de cortar as seis árbores que quedaban, alteran e menoscaban as características a apreciación do ben e o seu territorio polo que non serían legalizábeis”.