Lugo, 29 de marzo de 2014.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou este sábado que Galicia está a traballar no protocolo de colaboración que permitirá aos cazadores expedir unha única licenza para cazar fóra do ámbito territorial da Comunidade galega. Trátase dun texto, que asinarán Ministerio de Agricultura e as comunidades de Castela e León, Estremadura, Madrid e Castela A Mancha, para o establecemento dunha licenza única interautonómica de caza e pesca para o seu ámbito territorial. Así o afirmou este sábado durante a clausura dunha xornada na que se presentou a nova Lei de Caza aos membros da Federación Galega de Caza.
Durante a súa intervención neste acto, no que tamén participou a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, aclarou que coa sinatura deste protocolo, as comunidades asinantes recoñecerán a validez da única licenza para exercer etas actividades no seu ámbito territorial. Salientou que os responsables da Comunidade galega trasladaron o seu interese por adherirse, porque deste xeito, se evitará aos cidadáns repetir os mesmos trámites e xestións administrativas en cada comunidade.
Argumentou que a nova Lei de Caza, impulsada polo departamento que dirixe, fará desta práctica deportiva unha actividade compatible e complementaria coa conservación e mellora do patrimonio natural do territorio galego.
Manifestou que se buscou modificar o actual concepto da caza, transmitindo a idea de que non é simplemente unha actividade deportiva e lúdica, senón tamén un instrumento básico para a xestión das poboacións silvestres e o desenvolvemento sostible, reforzando a transcendencia ambiental da caza.
Hernández trasladoulles tamén aos asistentes que o novo texto contribuirá a regular e a fixar de xeito claro e axeitado a actividade da caza, para o que foi preciso conciliala cos valores do medio natural, ante os que aquela se mostra como unha firme defensora.
O conselleiro de Medio Ambiente tamén destacou o esforzo que se fixo á hora de elaborar dito texto, xa que foi necesario harmonizar determinados aspectos da normativa de caza galega coa das demais comunidades autónomas xa que existe unha gran dispersión e confusión normativa.
Salientou que a necesidade de contar cun regulamento actualizado radica na tradición e importancia na sociedade galega da actividade da casa, da que dan boa conta os 454 tecores (cunha media en superficie de 5.956 ha), 25 explotacións cinexéticas comerciais autorizadas e unha actividade económica (vinculada a esta práctica) próxima aos 100 millóns de euros anuais en Galicia. Recordou que máis dun 95% da superficie total de Galicia é cinexética (dun total de 29.574 km2, 28.109 km2, un 95,5%, corresponden con terreos cinexéticos).
Melloras que achega
A nova Lei de Caza (Lei 13/2013, do 23 decembro e publicada no Diario Oficial de Galicia o 8 de xaneiro de 2014) trata de actualizar e adaptar a lei do ano 1997. Entre as melloras que achega esta nova lei destaca o feito de que declara a función social da caza, polo servizo que presta á colectividade. Un servizo que non ten alternativas e que resulta imprescindible para a xestión das poboacións silvestres.
Outras das novidades é a aposta pola caza como instrumento de desenvolvemento rural e a pretensión de acadar unha caza máis sostible, ética e responsable, na que por enriba doutros valores primen a seguridade das persoas e dos bens, ao tempo que se preservan os valores do medio e o equilibrio ecolóxico nos hábitats naturais.
Por último, esta nova lei compatibiliza a práctica da caza co uso lexítimo dos demais usuarios dos montes e establece un réxime sancionador claro e preciso.
Fondo de corresponsabilidade
O conselleiro Hernández argumentou que outro condicionante renovado neste texto é o feito de repartir de xeito solidario a carga que deben soportar os titulares cinexéticos polos danos que causan as especies de caza. Tamén recoñeceu que os cazadores obteñen un beneficio da caza, sen restarlles importancia ao feito de que son unha peza chave no control das poboacións de especies cinexéticas. Nese sentido, debe valorarse a caza como un instrumento básico para a xestión do medio natural, como unha ferramenta necesaria para recuperar equilibrios que resultan imprescindibles para a conservación dos hábitats e das súas especies. A tal fin, créase o Fondo de Corresponsabilidade, para articular medidas preventivas e paliativas dos danos.





















A competición celebrarase entre o 24 e o 27 de setembro en Las Vegas, e Julia Cabarcos emprenderá esta mesma tarde a viaxe cara aos Estados Unidos para afrontar a súa participación na categoría Women's Physique.
O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



