Lugo, 15 de maio de 2014.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, recoñeceu este xoves o traballo “moderno e adaptado aos tempos” da Garda Civil, durante o acto conmemorativo do 170 aniversario da súa fundación, celebrado na Comandancia de Lugo, e no que se lembraron tamén os 25 anos da incorporación da muller ao Corpo.
Ao acto asistiron, ademais de Ramón Carballo, o xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias; o comisario xefe provincial da Policía Nacional, Manuel Teijeiro; o xefe provincial da Policía Autonómica, Elisardo Fernández; o subdelegado de Defensa, Ricardo Jesús Suárez Delgado; o xefe da Policía Local de Lugo, Manuel Méndez; a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias; e o delegado do ISFAS, Javier Pérez, ademais dunha ampla representación do instituto armado.
Ao servizo do cidadán
O subdelegado do Goberno lembrou que, “se hoxe podemos celebrar os 170 de historia da Garda Civil, é grazas á labor do Duque de Ahumada, primeiro inspector xeral do Corpo”, que concebiu un modelo policial “caracterizado pola eficiencia e eficacia para loitar contra os problemas de seguridade cidadá da época, e cun código de valores que se mantén vixente dende as súas orixes”.
Aínda así, destacou Carballo, a Garda Civil non é unha institución anclada no pasado, senón que se trata dun corpo moderno e que se adapta á realidade social do momento para “facer fronte aos novos retos e ameazas alí onde sexa preciso”. Neste sentido, recoñeceu tamén o traballo que os axentes levan a cabo nas diferentes áreas “sempre próximos á cidadanía para garantir a súa seguridade, e prestando axuda e auxilio ante as situacións máis diversas”.
Ramón Carballo agradeceu aos axentes, o “esforzo e dedicación” do día a día, que fan que a Garda Civil se manteña como unha “institución querida e respetada” polos cidadáns.
Condecoracións e recoñecentos públicos
O subdelegado do Goberno tivo tamén palabras de recoñecemento para os gardas civís que no transcurso do acto conmemorativo foron condecorados por diferentes méritos ou mencionados pola súa recente retirada.
Así, foron condecorados coa Cruz ao Mérito da Garda Civil con distintivo blanco nove gardas civís –o tenente José Antonio Hernández Hernández, José Manuel Vigo López, Javier Gómez Veiga, Luis Alberto Novo García, Juan Vidal Vidal, David Campos Framiñán, Antonio López Gayoso, Víctor Núñez Núñez e Cristóbal Rodríguez Noriega- e mailo axente forestal, José Vázquez Vázquez, coordinador da Brigada de Investigación de Incendios Forestais (BIIF).
Ademais, recibiron diplomas de recoñecemento polos servizos prestados durante a súa carreira profesional os gardas civís Jesús Díaz Blanco, José Manuel Vigo López, Manuel López Ratón, Jesús Jove Gizán e Antonio López Gayoso.
Trala entrega dos diplomas e condecoracións, e os discursos das autoridades, a conmemoración do 170 aniversario da Benemérita rematou co himno da Garda Civil.