Burela, 15 de maio de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, asistiu no IES Perdouro ao acto de entrega do premio do concurso exposición Letras Galegas 2014 que recibiu este centro e que presidiron o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o xefe territorial de Educación na provincia de Lugo, José Jesús Ramos Ledo.
O rexedor felicitou ao IES Perdouro polo premio conseguido, “non é o primeiro e tampouco será o último. O que demostra é a calidade e o nivel do traballo do centro, que se caracteriza pola innovación educativa en distintos campos. O IES Perdouro xa conseguiu máis premios”.
González Barcia subliñou que “este instituto sitúa a Burela como punto de referencia no mapa educativo de Galicia. De feito con frecuencia recibe tamén a visita de responsables da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Este é un centro que ten impacto dentro da educación na nosa comunidade autónoma”.
O alcalde burelés indicou que “o IES Perdouro tamén divulga o nome de Burela polo mundo adiante, por iso tamén hai que recoñecerlles o traballo que fan e co que promocionan ao conxunto do noso concello”. González Barcia animounos “a que continúen nesta liña, é eficaz no modelo educativo e contribúe á formación decidida das persoas do futuro. Quero agradecerlle tamén á Xunta o interese que ten polos centros de Burela”.
No acto que tivo lugar este xoves no IES Perdouro participou tamén o director do centro.