Lugo, 23 de maio de 2014.- A Xunta de Galicia desenvolve ata finais de setembro o programa ‘Cultura no Camiño 2014’, que na provincia de Lugo conta coa participación de 18 concellos para ofrecerlle ao público un total de 80 concertos e representacións escénicas. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia organizan esta segunda edición do circuíto, en colaboración con 81 municipios das diferentes rutas xacobeas en Galicia e co patrocinio de Gadis, como parte das actividades conmemorativas do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.
A programación lucense foi presentada hoxe pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias; o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela. En 2014, a inicitiva esténdese a preto dun terzo dos municipios da provincia, achegando música, teatro, narración oral, maxia e novo circo a catro concellos do Camiño de Inverno (Monforte de Lemos, Quiroga, Ribas de Sil e Sober), catro do Camiño Francés (Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Sarria), cinco do Camiño do Norte (Barreiros, Begonte, Ribadeo, Trabada e Vilalba), e outros cinco do Camiño Primitivo (A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Guntín e Lugo).
Oferta heteroxénea
Durante a súa intervención, Raquel Arias detallou as cifras da actividade na provincia de Lugo, onde arrancou o pasado 20 de abril e prolongarase ata o 27 de setembro. Durante estes cinco meses de actividade, un total de 46 formacións e artistas actuarán nos 18 concellos lucenses do circuíto para conformar unha ampla e heteroxénea oferta cultural: 43 funcións de teatro de actor, monicreques e narración oral, 20 sesións de maxia, seis de novo circo e 11 concertos.
“A programación de ‘Cultura no Camiño’ na provincia de Lugo contribuirá á descentralización da oferta cultural e a achegarlles os espectáculos e concertos a miles de espectadores, tanto aos peregrinos como aos habitantes das vilas xacobeas, que son parte fundamental da acollida e da imaxe do noso destino”, dixo. Engadiu tamén que este ciclo é un exemplo de traballo colectivo, porque colaboran distintas administracións e involucra creadores, compañías e programadores da industria cultural galega.
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, explicou que as actuacións para a conservación, mantemento e promoción do Camiño son fundamentais para a súa difusión e para incrementar o valor engadido da experiencia de ser peregrino en Galicia. “Hoxe estamos ante a presentación dunha acción promocional que incrementa a vertente cultural da experiencia. Un programa escénico que ademais está enmarcado na programación do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela”, asegurou.
Segundo dixo Sánchez Bargiela, o extenso programa turístico-cultural planificado con motivo desta efeméride inclúe acontecementos culturais, artísticos e sociais, así como actuacións relacionadas coa divulgación e coa investigación, así coma iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.
Pola súa banda, o director da Agadic fixo fincapé no esforzo organizativo e orzamentario de todas as entidades da Administración autonómica e local implicadas, grazas ao que é posible repetir esta experiecia por segundo ano consecutivo, así como duplicar o número de concellos inscritos e mesmo triplicar as actuacións celebradas durante a súa anterior edición, en outubro de 2013. Neste mesmo sentido, agradeceu especialmente a participación de Gadis no proxecto como empresa patrocinadora de ‘Cultura no Camiño’.
Programación xeral
Jacobo Sutil ofreceu, ademais, os datos xerais de ‘Cultura no Camiño’ que, cun total de 81 municipios galegos inscritos en 2014, supón a vertebración dun extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través das localidades situados nas diferentes rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.
O financiamento deste programa realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais seguindo criterios de poboación. Así, para municipios de máis de 20.000 habitantes, a Consellería de Cultura e Educación e Turismo de Galicia achegan o 40 por cento dos cachés dos espectáculos, mentres que nos concellos de menos de 20.000 habitantes, a Administración autonómica asume a metade dos custos.
As representacións e concertos que se están a desenvolver nos devanditos concellos lucenses forman parte, pois, dunha ampla carteleira de 322 actuacións protagonizadas por 134 compañías e artistas. Suman, en total, 159 representacións de teatro e danza, 74 de maxia, 60 actuacións musicais e 29 de novo circo.
En canto ao resto das provincias, na da Coruña 31 concellos acollen 116 actuacións, na de Pontevedra, 22 municipios levan aos escenarios un total de 88 representacións; e na de Ourense, 10 municipios ofrecen 38 concertos e funcións escénicas.
A programación actualizada pode consultarse na sección de axenda da páxina web da Agadic: http://www.agadic.info/Axenda.





















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.



