Os alumnos do taller de memoria organizado polo Concello de Lourenzá visitaron o Pazo de Tovar acompañados pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao; a concelleira de Cultura, Lupe Flórez Seivane; e a educadora familiar, Dolores Vilasuso, que é a encargada desta actividade. Lupe Flórez explicou que “os alumnos dos tres grupos do taller de memoria pasaron unha xornada de confraternidade no entorno do Pazo de Tovar. Foi unha das súas últimas actividades deste curso, que se clausurará cunha viaxe na última semana deste mes. A tarde estaba pensada para que os membros do taller coñecesen de preto o patrimonio do noso concello, neste caso o rehabilitado Pazo de Tovar, que a maioría coñecían polo exterior pero nunca tiveran oportunidade de velo por dentro. A xornada comezou cunha visita guiada polo monumento, na que os participantes rememoraron anécdotas do pasado relacionadas co propio pazo, e rematou cunha merenda que se prolongou ata ben avanzada a tarde”.




















A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



