A Mariña, 25 de setembro de 2014.- A CIG- Ensino quere manifestar o seu apoio á directiva e a toda a comunidade educativa do IES Vilar Ponte e culpa á Consellaría de Educación do malestar deste e de moitos centros de ensino públicos da comarca polos continuos recortes nos cadros de profesorado e pola nefasta actuación diante dos diferentes conflitos que ela mesma orixina.
Despois dos conflitos do IES de Alfoz pola falta de especialistas e do Ceip de Ourol onde se eliminou unha docente sen motivo algún, agora temos a dimisión de toda a directiva do IES Vilar Ponte porque contaba cun profesor de Lingua e Literatura Castelá que tiña asignado para este curso escolar e que sen mediar palabra eliminan xusto cando ía a comezar o curso.
A secretaria da CIG-Ensino, Dores Fernández Abel, criticou a actuación de Educación nos dous casos. No caso do Ceip de Ourol, en vez de manter o profesorado que tiña, Educación resolveuno quitándollo a outro centro sen mediar ningún tipo de negociación ou consenso. “Estamos diante dunha actuación pedagoxicamente indefendible e que en vez de resolver un problema, orixina un novo. Ademais, isto supón unha diminución na calidade na atención educativa dos centros” declarou Dores. No caso do IES Vilar Ponte porque un centro non pode contar cunha plantilla –que a Consellaría aproba- e despois reducirlla da noite para a mañá. Neste caso a CIG esixe unha solución que pode pasar por cubrir a praza co persoal interino posto que era unha praza que Educación xa aceptara e a dirección contaba con ela á hora de distribuír os grupos de alumnado e cubrir así as necesidades educativas do centro.
Para a CIG é falso polo tanto que o curso comezara normalmente na Mariña como se apresuraron a anunciar os responsables da administración educativa porque estamos vendo como xorden os problemas nos centros debido a política educativa do goberno da Xunta de seguir recortando profesorado, suprimindo unidades na pública para seguir concertándoas na privada, agrupara máis alumnado, impartición de máis asignaturas con afíns, e menos recursos para a atención especializada do alumnado.
Ademais desde a CIG-Ensino queremos denunciar as actitudes ditatoriais e prepotentes que están a mostrar os cargos políticos e técnicos da Consellaría de Educación –tanto na delegación como en Santiago-, actitudes que recordan tempos pasados e formas de actuar que nunca se viran ata agora na administración educativa.
Para a CIG esta forma de actuar desde o goberno da Xunta dá a medida do pouco que lle importa ao PP o ensino público da nosa comarca. “A Consellaría non está a respectar os catálogos dos centros como no caso do Ceip de Covas nin tampouco respecta os cupos negociados cos centros para o curso escolar como sucede no IES Vilar Ponte”.
Dores Fernández Abel
Secretaría da Mariña da CIG-Ensino