Burela, 5 de novembro de 2014. A Concellería de Cultura anunciou que o vindeiro venres, 7 de novembro, a partir das 19.30 horas, se levará a cabo na Sala de Arte da Casa da Cultura de Burela a inauguración da exposición Escolcris. A mostra ten coma protagonistas a tres artistas mindonienses: Alicia Morales, María Medeot e Fernando Vilariño. Os tres mostrarán os seus traballos no municipio burelés ata o 28 de novembro, en horario de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas ás mañás e de 17.00 a 20.00 horas ás tardes.
María Medeot naceu en Bos Aires e na actualidade vive en Galicia. Estudou na Escola Nacional de Belas Artes Manuel Belgrano e na Escola Superior de Belas Artes Prilidiano Pueyrredón, ambas arxentinas. Posteriormente levou a cabo exposicións individuais e colectivas no seu país natal, en centros artísticos coma a Galería Gala de Bos Aires ou os Salóns de Arte dos Concellos arxentinos de San Fernando ou San Martín. Expuxo tamén na sede da Fundación Araguaney en Santiago de Compostela.
Alicia Morales conta cunha formación autodidacta na que destaca o seu traballo na artesanía en cristal con pintura acrílica. Ten feitas distintas exposicións en varias salas da Mariña.
E Fernando Vilariño é un escultor autodidacta que traballa o granito e a pedra. Naceu en Curtis e reside actualmente en Mondoñedo. Usa preferiblemente a técnica do talle dereito e busca a exclusividade nos seus traballos coma valor engadido.