Lugo, 12 de decembro de 2014. O voceiro do BNG e responsable de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, aproveitou a habitual rolda de prensa posterior á xunta de goberno do organismo provincial para denunciar a situación de desamparo na que se atopa a lingua galega debido ás erráticas políticas lingüísticas da Xunta de Galiza, ao tempo que avanzou que a Deputación respaldará o vindeiro ano aos concellos da provincia que o desexen para contratar a normalizadores lingüísticos.
Mario Outeiro asegurou estar moi “preocupado pola situación da lingua galega, logo dos resultados que ofreceu o Instituto Galego de Estatística (IGE) a semana pasada. O noso idioma está esmorecendo e parece que aos actuais gobernantes da Xunta non lles importa o máis mínimo, senón que en lugar de poñerlle arranxo a esta perda constante de falantes están máis preocupados en facerlle o xogo a asociacións que presentan a súa galegofobia baixo unha pel de suposta aposta polo bilingüismo”, apuntou.
Outeiro explicou os datos que aparecen na enquisa do IGE: “Se durante o pasado mes de outubro coñecíamos que o galego deixaba de ser a lingua habitual na maioría da poboación, a pasada semana o IGE ofrecíanos unhas cifras máis que alarmantes, nas que o galego xa é so maioritario entre os maiores de 50 anos e só é galegofalante un de cada catro rapaces menores de 15 anos. No arco de idade entre os 16 e os 29 anos tampouco son moito máis alentadores os datos, xa que son castelanfalantes dous de cada tres. Isto deixa practicamente ferido de morte ao galego, nunha situación moi comprometida de cara ás vindeiras décadas”, lamentou.
O nacionalista criticou a Feijoo e ao goberno da Xunta por incumprir o Plan de Normalización Lingüística. “Faise indispensable chegar a un entendemento lingüístico e trazar medidas concretas a través do plan de normalización. Ou actúa a Xunta ou dende logo o galego está destinado a engrosar a listaxe de linguas mortas, o que sería unha auténtica navallada para o país”, afirmou. Para Mario Outeiro, con estes datos queda desacreditada a campaña lanzada durante o bipartito dende o PP e distintos colectivos nos que se chegou a asegurar que se impoñía só o uso do galego nos centros educativos: “Os datos son clarísimos e deixan pouco lugar á interpretación. O que deixan claro é que aquelas acusacións vertidas durante o bipartito autonómico e apoiadas polo PP eran totalmente falsas”.
Actuación dende a Deputación
Mario Outeiro explicou que dende a Deputación non van ficar parados á espera de ver como desaparece a lingua galega. “Aínda non tendo as competencias que ten a Xunta de Galiza en torno ao idioma, penso que o galego na Deputación é un eixe transversal en absolutamente todas as áreas. Non en vano, a provincia de Lugo non deixa de ser a que melloras datos arroxa na enquisa, aínda que tamén son moi preocupantes”, indicou.
Asemade, asegurou que, “pese a estas poucas competencias que temos en materia lingüística e sen poder detallar aínda cales serán as bases desta liña de axudas, si que podemos anunciar que os concellos da provincia de Lugo estarán respaldados pola Deputación o vindeiro ano de cara a contratar empregados que traballen no eido da normalización lingüística. Encargaranse de facer o traballo que non está facendo a Xunta, ou que deixou de facelo dende o 2012, cando eliminou, antes de resolvelas, as axudas para a contratación de normalizadores. Dende aquela non as volveron sacar”.
Outeiro concluíu que, “outra vez máis teremos que saír dende a Deputación a cubrir o que deixou de facer a Xunta de Galiza e o señor Feijoo dende que entraron a gobernar para salvar os signos de identidade claros do país”, manifestou.
Segundo médico na Pobra do Brollón
Así mesmo, o voceiro do BNG na Deputación de Lugo quixo facer un pequeno comentario á contestación que lle deu o Sergas á cidadanía da Pobra do Brollón na súa reclamación de contar cun segundo médico toda a semana no seu centro de saúde, e non só un día á semana. “En canto a esa petición de solicitude de cobertura dun segundo médico, parece ser que lles contestaron cun texto xenérico que teñen para todos os concellos que fan este tipo de solicitudes. Tan parecida é esta contestación á que lles deron aos veciños de Riotorto que, polo medio do escrito dirixido a un cidadán da Pobra do Brollón aparece incluso nunha frase Riotorto. Lamentamos ata o pouco coidado que teñen á hora de responder aos veciños con datos reais e concretos sobre a súa situación, aplicando un modelo igual para todos os casos”, criticou.


















O público poderá desfrutar dunha proposta que parte da música tradicional galega, combinando a gaita e as frautas con instrumentos como o violín, acordeón, guitarra, baixo ou percusión, nunha mestura de tradición e modernidade cun marcado carácter atlántico e celta. A actuación, con entrada libre, ofrece unha noite para gozar da música galega en directo e seguir achegando a cultura e a tradición aos espazos públicos do municipio.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Foi a unhas oito millas de Estaca de Bares. O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso arredor das 22:30 horas deste luns a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, que indicou que se mobilizaba o helicóptero Pesca II logo de que se producise lume nun barco, con tres tripulantes a bordo. Porén, os mariñeiros foron evacuados do lugar a través dun pesqueiro que se atopaba na zona para, posteriormente, ser trasladados en ambulancia. Por outra banda, o barco finalmente afondou no mar. Cómpre mencionar que neste operativo tamén participaron Salvamento Marítimo e a Garda Civil.
Esta actividade, organizada polo Concello de Lourenzá, será na praza César Chavarría Pacio e haberá tres funcións: ás 13:00, ás 18:30 e ás 20:00 horas. A entrada é de balde por orde de chegada ata completar aforo. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destaca que “a maxia é unha desas propostas que sempre ten unha acollida moi especial en Lourenzá. Gusta aos pequenos, pero tamén consegue sorprender e ilusionar aos maiores, converténdose nun plan perfecto para gozar en familia”.
Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.



