Bruxelas, 22 Xaneiro 2015.- No intercambio de impresións celebrado hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo co comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, e co ministro Jānis Dūklavs -en calidade de presidente do Consello de Pesca-, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) Lídia Senra destacou a pertinencia de que o Consello e a Comisión poñan en marcha “a elaboración dun estudo das repercusións das cotas pesqueiras en materia de emprego nos barcos”, xa que “na Galiza estas cotas son totalmente insuficientes e están a ter un impacto moi negativo, como así teñen manifestado, por exemplo, os mariñeiros galegos do cerco o pasado ano”. “Se non se incrementan”, proseguiu, “destruiranse milleiros de postos de traballo”.
A deputada galega recalcou tamén a imperiosa necesidade de “prestar máis atención aos dereitos laborais das persoas que traballan no mar, nomedadamente en termos de seguridade e condicións laborais”. “Esta ten que ser unha prioridade para o Consello de Ministros de Pesca da UE e para a Comisión”, subliñou.
Aliás, Senra insistiu ao ministro e ao comisario na urxencia de “excluír o ‘xeito’ da listaxe de artes de pesca con redes de deriva e así dar resposta ás reivindicacións expresadas polos mariñeiros desta arte de pesca tradicional galega nas múltiples mobilizacións que teñen levado adiante”.