Ribadeo, 4 de febreiro de 2015. O Concello de Ribadeo celebrará este sábado, 7 de febreiro, o Día Mundial dos Humidais, cunha programación centrada en resaltar e protexer a natureza e o hábitat ornitolóxico da ría de Ribadeo. Os actos inclúen a celebración dunha conferencia a cargo de José Mª Fernández Díaz – Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo: natureza entre dúas augas. A charla terá lugar ás 12:00 horas na Casa da Xuventude de Ribadeo. Posteriormente, ás 15:30 horas, levarase a cabo unha ruta guiada pola ría que contará coas explicacións de dous bloguers especializados na ría de Ribadeo: Enrique Sampedro e Óscar Chao. Os interesados en participar nesta ruta deberán anotarse previamente nos teléfonos 982 128 689 (Oficina de Turismo de Ribadeo) ou 982 128 650 (Área de Desenvolvemento Local).
Tal e coma explicou a concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local de Ribadeo, Ana Martínez, “para celebrar o Día Mundial dos Humidais, e coma cada ano, dende o Concello de Ribadeo queremos resaltar a importancia ecolóxica e ambiental da ría de Ribadeo que é un dos hotspots ornitolóxicos do noso concello, sensibilizando no mantemento e conservación da mesma”. A edil nacionalista considera que “é algo verdadeiramente importante, xa que a ría está incluída na Rede Natura 2000, e con anterioridade xa fora declarada Zona Húmida de Importancia Internacional e estivo incluída tamén no convenio Ramsar, que é un acordo transnacional que protexe os hábitats de aves acuáticas. Tamén polos seus valores e diversidade biolóxica, forma parte da Reserva da Biosfera dende 2007. Así que dentro de todo este contexto, queremos celebrar o Día Mundial dos Humidais. Aínda que ese día non é exactamente este sábado, queremos facelo coincidir coa fin de semana para que isto lle permita a máis xente poder gozar das actividades programadas, que nesta edición terán lugar este sábado, 7 de febreiro”.
A concelleira de Turismo adiantou que “as actividades comezarán o sábado ás 12.00 horas na Casa da Xuventude cunha charla a cargo de José Mª Fernández Díaz-Formentí, autor do libro A Ría de Ribadeo: natureza entre dúas augas. A conferencia terá o título de Las aves en la naturaleza cantábrica. Logo, ás 15.30 horas teremos unha saída, que será coma todos os anos dende a Oficina de Turismo ata a ría, para observar a través dunha ruta as aves. Neste caso será unha ruta guiada, tamén coma noutros anos, por Quique Sampedro, que é autor do blog Ría de Ribadeo e por Óscar Chao, que ten o blog Aves e Natureza de Ribadeo. Durante a visita daranse as claves para identificar e diferenciar as aves que poidamos ir atopando no estuario e que durante esta época son numerosas xa que acoden á ría a pasar o inverno. É importante facer reserva na Oficina de Turismo, no teléfono 982 128 689, así coma levar prismáticos ou calquera outro método de observación e cámaras fotográficas para esta actividade”.
Ana Martínez recordou que “esta non é unha actividade puntual, senón que queremos resaltar a forte aposta que dende o Concello estamos a levar a cabo polo turismo de natureza, coma un valor diferenciador e desestacionalizador, aproveitando todo o potencial que Ribadeo ten neste eido. Para isto tamén quero falar do traballo que se leva feito no turismo de natureza, co curso que estamos a facer de formación de guías e intérpretes do litoral, así coma as actividades que fixemos no EcoNadal. Tamén quero invitar á xente a visitar o sitio Ribadeo Birding, que está incluído nesa nova páxina web que vimos de presentar e que a xente pode atopar no enderezo turismo.ribadeo.gal, onde tamén vai atopar unha serie de menús birding e actividades relacionadas coa natureza. Unha serie de pequenos grandes proxectos que fan cada día máis patente a nosa aposta polo turismo natural dentro dese #Ribadeopqsí”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



