Como Alcaldesa do Concello de Viveiro estou encantada de que a Xunta de Galicia invista neste municipio e, como demostrei en múltiples ocasións, continuarei traballando para que isto sexa así, aínda que, moitas veces, por parte dalgúns responsables do goberno autonómico, non se respecte a figura institucional desta Alcaldesa; a pesar disto, continuarei en contacto coas distintas consellerías para transmitirlles as inquedanzas dos veciños e continuarei reuníndome con quen corresponda para intentar arranxar os problemas que atinxen a Viveiro.
A pesar desta vontade de traballo e de colaboración, síntome na obriga de informar aos veciños de Viveiro da inversión real que o goberno autonómico realizou nos últimos anos no municipio evitando, deste xeito, manipulacións mal intencionadas. Non podo escoitar que Viveiro recibiu non últimos 6 anos 97,2 millóns de euros en obras, axudas e servizos impulsados polo goberno autonómico, sen aclarar determinadas cuestións.
Dende o ano 2012, o Concello de Viveiro viu como a Xunta de Galicia reducía a achega de axudas na área de Benestar nunha cantidade próxima aos 300.000 euros. Nuns casos, estas axudas desapareceron integramente, como é o caso da Axuda a Domicilio de Libre Concorrencia, Educación Familiar, Pedagogo, Programas de Voluntariado, Programa de Prevención do Absentismo Escolar e Emerxencia Social; noutros casos, as axudas víronse notablemente reducidas, como acontece coas achegas da Xunta de Galicia para a gardería municipal ou a oficina de información xuvenil.
A redución do presuposto autonómico para os Plans de Cooperación a nivel de toda Galicia foi brutal, pasando dos 8 millóns de euros nos últimos anos a 1,3 millóns no último ano. En 2014, esta redución supuxo que a Xunta de Galicia só concedese ao Concello de Viveiro unha subvención para contratar a 6 socorristas (os mesmos que outros concellos con menos quilómetros de praias), cando habitualmente se lle concedían 8. Do mesmo xeito, Viveiro deixou de recibir as subvencións que se viñan concedendo a través destes plans para contratar a unhas 30 persoas destinadas á limpeza de praias, axuda a domicilio, limpeza de zonas verdes, grumires, etc.
O goberno da Xunta de Galicia, que presume de investir en Viveiro, tampouco concedeu a este municipio a escola obradoiro solicitada a pesar de cumprir todos os requisitos da orde e de presentar, desgraciadamente, un número de persoas desempregadas que permitía optar a axuda sen agruparse con ningún outro concello, sendo o índice de desemprego superior ao doutros municipios limítrofes que, sorprendentemente, si que se beneficiaron desta axuda.
Sorprenden, así mesmo, certas declaracións nas que se afirma que o parque de bombeiros comarcal, con sede en Viveiro, supuxo un investimento no municipio que supera os 5,6 millóns de euros. Cómpre lembrar que o importe do Proxecto Básico e de Execución do Parque Comarcal de Bombeiros de Viveiro ascende a 945.643,15 euros, polo que non se entende a qué corresponden os millóns referidos; non se comprende, tampouco, que se presuma polos investimentos realizados neste parque cando, no seu momento, o goberno autonómico tivo intención de levalo para outro municipio debendo agradecer, neste sentido, as xestións realizadas polo anterior alcalde, Melchor Roel, para que o Parque Comarcal de Bombeiros quedase en Viveiro.
Cando a Xunta de Galicia asegura que Viveiro recibiu nos últimos 6 anos unha media de 16,2 millóns de euros anuais non aclara que nesa cantidade está a incluír os gastos derivados das súas competencias, como poden ser as tarefas de mantemento das estradas de titularidade autonómica ou as obras realizadas en instalacións propias, entre moitas outras. Cuestións que, loxicamente, a Xunta de Galicia debe asumir obrigatoriamente como parte das súas atribucións propias.
Fronte á actitude da Xunta de Galicia, presumindo pola execución das competencias que lle son propias, atópase a actitude do Concello de Viveiro que, en beneficio dos seus veciños, está a asumir certas tarefas que non lle corresponden, como, poden ser a limpeza de determinadas áreas verdes, entre outras.
Por todo isto, insto á Xunta de Galicia a que presente un balance claro dos investimentos realizados nos últimos anos en competencias municipais que, dende aquí xa adianto, non é comparable, nin de lonxe, cos investimentos realizados pola Deputación Provincial de Lugo, unha administración que, ademais de atender ás súas propias competencias, traballa polo benestar e progreso deste municipio.
Insto, así mesmo, a Xunta de Galicia a que demostre unha preocupación real polo Concello de Viveiro, axilizando a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, sendo recibidos por Patrimonio e polo propio Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (reunión xa solicitada ao anterior conselleiro, sen resposta polo momento) ou executando o famoso proxecto de rexeneración da ría de Viveiro.
Viveiro, 13 de marzo de 2015.
A alcaldesa,
María Loureiro García


















A banda presentará o seu espectáculo nunha cita aberta ao público, que promete unha noite de rock e diversión para todos os asistentes.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.



