Santiago, 7 de abril de 2015.- O Grupo Popular defendeu hoxe na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que se demande ao Goberno do Estado a exención da obriga de portar un botiquin tipo C a bordo das embarcacións que faenan no interior das nosas rías.
Os populares rexistraron unha emenda a unha iniciativa de AGE reclamando que este botiquin fóra substituído por un modelo máis acorde coas necesidades e tipos de flota e coas súas dispoñibilidades económicas, pero non foi aceptada pola coalición de esquerdas, decantando o voto en contra do Grupo Popular que, en todo caso, sigue defendendo a necesidade dunha flexibilización da normativa vixente que transpón unha directiva europea.
O voceiro do Mar Jose Manuel Balseiro pide, en todo caso, á posición que non se frivolice con cuestións médicas e sinala que cando se trata de dotarnos dos medios necesarios para garantir a seguridade e saúde dos profesionais do mar hai que ser serios e actuar con rigor, e iso tamén esixe actuar con proporcionalidade
Tamén explicou que na actualidade o 90% do custe deste botiquín tipo C está subvencionado por axudas do Instituto Social da Mariña (ISMI) ou, nos casos de que as empresas teñan traballadores por conta allea, financiado na súa totalidade polas mutuas
Confraría de Cabo de Cruz
Por outra banda, o Grupo Parlamentario Popular, a través da súa deputada Herminia Pouso, defendeu que a Xunta vén colaborando plenamente coa Xustiza e cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado achegando toda a información requirida para a loita contra calquera tipo de fraude ou situación de irregularidade que puidera ter acontecido na confraría de Cabo de Cruz.
Os populares, que cualificaron a iniciativa do BNG de extemporánea, pois foi formulada fai 22 meses e, entre outras peticións solicitada a convocatoria de eleccións no pósito, que xa tiveron lugar no mes de outubro, apartando aos anteriores responsables da confraría, fixeron un chamamento para que se deixe traballar á Xustiza e se respecte o segredo de sumario.
En todo caso o PP lembrou que a Xunta deu traslado á Fiscalía e ao propio xulgado das denuncias que foron producíndose, de toda a documentación requirida e calquera outro dato que puidera estar relacionado co obxecto da investigación levada a cabo pola Garda Civil, froito dunha colaboración previa coa Xunta.
Por último, os populares lembraron que a confraría de Cabo de Cruz pode acollerse á liña que cada ano aproba a Consellería para a mellora e recuperación proudutiva das zonas marisqueiras e sinalou o importante reforzo acadado no ámbito do control, xa que, segundo os datos oficiais, as inspeccións contra o furtivismo en Arousa incrementáronse un 30% e un 60% os comisos de marisco ilegal respecto do ano 2013.