Na tardiña do pasado luns asistín ao derradeiro pleno ordinario para a corporación municipal 2011-2015 e postremeiro tamén da miña etapa na política activa. E nesta agridoce despedida gustaríame facer tres cousas publicamente, non quixera irme sen pedir perdón, facer balance e, sobre todo, dar as grazas.
Comezo por recoñecer os erros, que seguro que foron moitos, ás veces consecuencia dun carácter vehemente que puido ofender ou desgustar sen que fose a miña intención; outras veces por non ter estado á altura das expectativas dalgunha xente que confiou en min para facer as cousas doutro xeito distinto a como as fixen; tamén houbo momentos de froxeira que sei que decepcionaron, etc,… Sendo consciente de que é imposible contentar a todos, e moito menos en política, lamento profundamente o mal que poida ter feito e espero que saiban perdoarme aqueles que o sufriran.
Con toda a humildade, mais con orgullo, voume satisfeita da labor realizada. Sei que a distancia física á que me levaron as miñas circunstancias profesionais foi un hándicap para o imprescindible contacto co pobo e cos veciños que pelexei por superar aínda que estou segura de que, en ocasións, non fun capaz de conseguilo. Asumo tamén que o meu traballo foi criticado por aqueles que esperaban unha oposición máis dura, maior acritude, un azoute constante por tódolos flancos ao goberno (con motivo ou sen el) que minaran a súa imaxe pública. A todos estes ribadenses pídolles perdón, pero non por non ter feito o que eles esperaban, senón por entender a política local de xeito moi diferente. Dende o primeiro día tiven como obxectivo Ribadeo, por riba de cuestións ideolóxicas, partidarias, persoais ou calquera outras. Ese foi sempre o meu horizonte e tódalas miñas actuacións, con erros e acertos, ían encamiñadas á procura do mellor para o noso pobo. Probablemente esta actitude desgustou ou decepcionou a algúns, pero marcho coa esperanza de que fora entendida pola maioría e a seguridade de que redundou en beneficio dos ribadenses.
E ao chegar ao final desta etapa debo mirar para atrás e amosar agradecemento; vai para moita xente porque en vinte anos tiven a sorte de atopar na miña andaina moitos faros que a alumearon e moitos “bos e xenerosos” dos que aprendín máis que en calquera universidade. Pido desculpas de antemán porque de seguro esquecerei nomear a alguén.
Primeiramente, grazas á persoa que confiou en min e considerou que tiña algo que aportar aos demais; José Carlos Rodríguez Andina foi o mellor mestre que se pode ter en política porque traballando ao seu carón aprendín o que era un político de verdade, con maiúsculas, que daba todo o seu tempo e non reparaba no esforzo que se precisara para cambiar o seu pobo; comprobei tamén que todo ese traballo merecía a pena e daba os seus froitos, non froitos políticos por acadar cen votos máis ou menos, senón froitos reais, palpables, na mellora da vida dos veciños. Se tivera que escoller o mellor da miña vida política, quedaríame con ter contribuído nalgunha medida a que aquel equipo de goberno do PP que el dirixiu transformara totalmente Ribadeo e o convertera na vila de servizos na que hoxe vivimos.
Tamén debo gratitude a aqueles que formaban ese equipo, que me integraron nun grupo de xente absolutamente implicada na súa labor política onde se forxou a convicción, que mantiven ata hoxe, de que é marabilloso traballar todo o que un poida para cambiar as cousas; iso é, para min, a esencia da política e iso ensináronmo Nenó, Valín, Elías, Fra, Eugenio Canto,… e todos e cada un dos membros daquel glorioso equipo que quedará para sempre na intrahistoria do Partido Popular de Ribadeo escrito con letras de ouro.
Desde aqueles principios houbo moitas persoas coas que traballei arreo codo con codo e coas que acabei forxando unha amizade que sei que durará eternamente porque as vivencias, os bos e malos momentos que compartimos perdurarán nas nosas memorias e nos nosos corazóns, desde os “tres Fantásticos” de Novas Xeracións ata o “grupo feminino” da executiva anterior á actual, os colaboradores das campañas electorais que se deixaban a pel eses quince días e nunca estarán suficientemente recoñecidos (inesquecibles aquelas ceas no Leiteiro),… grazas a todos e cada un dos que compartiron comigo estes anos de loita, de magníficos e tamén amargos momentos, da euforia dos 3.006 votos e a pena inconsolable da perda dos que nos deixaron,…
Tamén vivín nestes vinte anos algunhas decepcións, sufrín ataques inxustos, tropecei no camiño con xente que me puxo paus nas rodas, padecín mentiras e calumnias, coñecín algunhas das condutas humanas máis escuras: soberbia, envexa, maldade, machismo,.. Esas son as sombras da política, pero tamén diso saquei leccións inesquecibles e gañei unha fortaleza que só se constrúe a base de recibir golpes e ser capaz de superalos e levantarse de novo con impulso renovado.
Grazas, por suposto, a todas e todos aqueles veciños que me recibiron nas súas casas para explicarlles os nosos proxectos, que cada campaña me abrían xenerosamente as portas da súa vida e perdían un anaco do seu valioso tempo comigo, porque ese é outro dos grandes tesouros que me levo da política: o trato cos veciños, escoitalos e tentar axudarlles a resolver uns problemas que, por desgraza, non sempre tiñan amaño, pero que sempre valoraron o interese e o esforzo que puxen por solucionalos.
Grazas aos que, nalgún momento, confiaron en nós e meteron a papeleta do Partido Popular nas furnas e mil veces perdón a aqueles que se arrepentiron, ou se sentiron decepcionados. Con ese sobre déronnos a impagable oportunidade de traballar para todos, de aportar o que puidemos ao futuro do noso Ribadeo.
Grazas ao Grupo municipal do PP 2011-2015 porque entre concordancias e discrepancias, con acordos e diferenzas, todos eles me aportaron algo da súa visión política. Gañei nestes catro anos, ademais, dous amigos a nivel persoal (Manolo Valín xa o era antes) e descubrín dous estupendos políticos (Valín xa tiña demostrado sobradamente que o era), cuxa valía coido que é unha gran perda para o noso pobo; eu, como veciña, animareinos sempre aos tres a que continúen loitando polo ben común porque creo firmemente nas súas capacidades.
Grazas aos compañeiros desta Corporación municipal por unha etapa de consensos, de achegas de todos, un exemplo de remar todos xuntos cara a un futuro mellor para Ribadeo, dende a diferenza ideolóxica e a confrontación política, que tamén a houbo, aínda que non transcendera máis aló do Salón de Plenos porque puido máis a mensaxe intoxicada de inacción da oposición que interesadamente se pregoou. Foi unha experiencia moi enriquecedora ser partícipes en proxectos e decisións vitais para Ribadeo, poder aportar o noso grao de area en loitas unánimes e xustas; grazas por facer destes catro anos unha pelexa común polo benestar dos veciños e non unha guerra permanente, absurda e infrutuosa do “si porque o digo eu” fronte ao “non polo non”.
Grazas ao persoal do concello (especialmente secretaría e intervención) que nos facilitou sempre a nosa labor; aos veciños que nos fixeron chegar as súas queixas ou necesidades para que foramos a súa voz no Salón de Plenos, verdadeiro fundamento da representatividade que ostentamos e, en definitiva, a todas e todos os que, dun ou doutro xeito, contribuíron a mellorar esa función social que tiñamos a responsabilidade de desempeñar.
Grazas “aos meus”, á miña familia e aos amigos máis achegados que viviron comigo boas e malas experiencias, as ledicias e a miseria da política sen reprocharme o tempo que lles sacaba a eles para investilo no concello, nin os malos tragos que tiveron que pasar directamente ou de rebote. Sei que este adeus é para eles un alivio ben merecido porque é duro vivir os danos colaterais da exposición pública.
E remato con un enorme “grazas” para aqueles que, desde dentro e desde fóra, estiveron aí nos malos momentos porque eles converteron este momento nun final feliz; esta vida está para aprender leccións a diario e os últimos meses ensináronme que cando tentan desprezarte, cando te infravaloran, te ningunean inxustamente e mesmo buscan humillarte, non hai maior satisfacción que recibir tantas mostras de cariño, apoio e consideración de propios e estraños, dos aliados e dos adversarios, dos que están ao teu carón e dos que están na lexanía física ou ideolóxica, esperados por parte de algúns e insospeitados de outros. Deixei no camiño os desgustos e lévome comigo a enorme satisfacción de ter servido a Ribadeo con ilusión e lealdade.
Reza un proverbio: “muestra siempre una sonrisa en las despedidas, esa será la imagen que regales a quien de ti se separe”, así que con un sorriso me marcho; a todos grazas e deica sempre.