Trabada, 22 de maio de 2015.- O PSdG-PSOE de Trabada, realiza esta noite ás 22:00 horas o peche de campaña das eleccións municipais no Albergue Spa Ría de Abres da parroquia co mesmo nome.
Segundo explicou a candidata –Mayra García Bermúdez- “neste acto, ao igual que nos outros nove actos realizados ao longo dos últimos 15 días, presentaremos o noso programa electoral, un programa participativo, despois de visitar aos veciños e veciñas formado polas súas propostas, coa finalidade de que o noso goberno sexa a solución dos problemas de todos”.
A alcaldable anuncia que “desenvolveremos unha serie de medidas que garantan a transparencia e o bo goberno e, que poña á cidadanía no centro da acción política. Esta é a pretensión do PSdG-PSOE de Trabada”.
Para os socialistas trabadenses o municipio conta con dous núcleos: Trabada e Ría de Abres. “Reivindicamos o mesmo trato para ámbalas dúas zonas, ao mesmo tempo que queremos uns servizos equiparables nas dúas, pois todos os cidadáns e cidadás pagamos os mesmos impostos”, afirma García Bermúdez, e engade que “sabemos que a parroquia de Ría de Abres, é a parroquia que maior potencial ten do noso concello e, a día de hoxe, é unha das máis discriminadas de todo o concello”.
Poñer en valor o Patrimonio
Neste senso, a alcaldable lembra que “situada na fronteira entre Galicia e Asturias noutro tempo era a porta de entrada dos peregrinos e, ademais, era a parroquia que contaba cun ferrocarril do que a día de hoxe se conserva o apeadeiro. Nós contribuiremos a poñer en valor o noso Patrimonio Histórico, polo que arranxaremos tamén o peirao en Ría de Abres e impulsaremos a aprobación do PXOM para que, por fin, esta parroquia poida medrar”.