Ribadeo, 13 de agosto de 2015.- Esta semana abriu na rúa Doutor Moreda, de Ribadeo, Fumarel, que é un establecemento de alimentación e hostaleiro cun concepto distinto ao habitual nesta zona. Conta con zona para venda de produtos de alimentación e tamén vinoteca e restaurante coa cociña á vista dos clientes, o que o converte nun local cun concepto diferente. Nuño Cao Rivas é o xerente deste negocio familiar, que conta cunha decena de traballadores actualmente.
Un dos copropietarios de Fumarel é Gervasio Cao Expósito, quen explica que o nome elixido para o establecemento “é unha historia preciosa que data do ano 1990 aproximadamente e que ten que ver cun amigo de moita xente de Ribadeo e meu, o coñecido artista Suso Peña. Cando comprei o meu bote de vela, tradicional de Ribadeo, buscaba un nome diferente, estiven a debater con Suso Peña, que era un amante dos paxaros, e encontramos o dun paxariño que invernaba aquí, que se chama fumarel; e ese foi o nome que lle puxemos ao bote. Ten un tipo de letra especial, feita por Suso Peña, e en canto este proxecto madurou e se fixo definitivo tiven claro que o nome sería Fumarel, porque soa ben e é a miña pequena homenaxe ao malogrado Suso Peña”.
Gervasio Cao explicou tamén que “no momento que xorde esta idea, no escenario no que a miña vida e a da miña familia require un xiro de 180 graos, tiven en conta que eu paguei os meus estudos traballando de camareiro. Non é que un, con 58 anos, pretenda volver á época na que tiña de 17 a 22 anos, cando deixei de facelo, pero eu o pasei moi ben traballando de camareiro, divertíame coa xente e gozaba. Eu quero facer en Fumarel todo aquilo que botei de menos nos establecementos de hostalaría ao longo da miña vida: dende o trato ata o tipo de cociña, porque hai unha serie de aspectos que non se traballan nesta zona, por exemplo guisos, estufados, etcétera. Parece que todo o mundo camiña cara á mesma dirección, pero Ribadeo neste momento é un referente importante en España e fóra dela e creo que necesita deste tipo de proxectos, que marquen un pouco unha diferenza e que poñan en escena outro xeito de facer as cousas tanto na cociña coma nos viños e no proxecto global en si: recuperar o ultramarinos de toda a vida conxugado con outro escenario.”
Cao engadiu que o obxectivo é “tratar de facer as cousas doutro xeito, porque poden tomar outros viños, buscándoos en orixe. Non esperar detrás da porta a que veñan a ofrecerche o produto; esa é unha opción, pero eu entendo que para conseguir un proxecto claramente diferenciador, como é este, tes que saírte dese escenario e moverte para buscar cousas e intentar dar un produto mellor ao mesmo prezo. Esa é a idea, que está moi madura e que xa se pode ver a día de hoxe: hai unha serie de viños e outros produtos, que non son os habituais e que están a gustar; de feito estanos a felicitar moita xente. Haberá quen non o entenda e eu respéctoo moito, pero decidimos que queremos facer as cousas de xeito diferente. E se o logramos estaremos todos satisfeitos: os clientes e, por suposto, nós, porque iso supón que o negocio irá ben”.
Fumarel terá “en peixaría e salgaduras unha liña de conxelados de bo nivel, bacallau nos seus diferentes cortes e tamén algúns peixes do día, que polo momento serán poucos pero tamén diferentes, tanto para degustar no propio establecemento coma para levar á casa. A nivel de ultramarinos temos unha ampla gama de conservas de bo nivel, sen que isto implique un prezo alto. Non imos ter as latas que hai nos supermercados, senón que son dunha liña diferente en calidade sen que se eleve o prezo. A nivel de carnizaría ofrecemos o mesmo: non queremos ter unha variedade moi ampla de queixos, queremos ter varios de bo nivel de diferentes lugares en formatos distintos, pero non demasiados; e en canto a embutidos, o mesmo. Temos xa varios embutidos de calidade, que fomos buscar a orixe, que probamos e que creo que van gustar”.
E en canto á cociña, Gervasio Cao comentou que “hai que sacalo partido a estes produtos e a outros, como o polbo. Imos ofrecer un polbo de aquí, se conseguimos suficiente para a demanda que teñamos, que imos cociñar en diferentes formatos, que nalgúns casos poden sorprender, como por exemplo polbo con grelos, que marida dun xeito sorprendente. E así faremos con outras cousas, como con chocos frescos, con sardiñas e salmón mariñar ou con bonito. Non imos facer toro de bonito á prancha, pero si podemos ofrecer lombo, tartar de bonito, dados de bonito ao mollo vermello e verde,…. Consideramos que non se trata de ter moitas cousas, senón de ofrecer unha carta reducida, con poucos produtos pero sacarlles moito partido. E logo teremos o capítulo de recomendacións do día fóra de carta, que poden ser estufados, tortillas ou outro tipo de pratos”.
Fumarel ten a cociña á vista dos clientes “porque comemos polos ollos. Esta filosofía de proxecto é poñer en escena todo aquilo que pode comer. Mesmo a barra está tamén aberta, xusto en fronte do patio, e os clientes que están alí poden ver a parte traseira da barra, que ten que estar inmaculada e pode verse, porque detrás da barra tampouco hai segredos, como na cociña. Creo que esa transparencia é boa, é un indicador de que non existe nada que ocultar e considero que isto ten que ser necesariamente positivo. E para cociñar, despois de dedicarlle bastante tempo, creo que dei coas persoas axeitadas. Busquei profesionais novos que entendesen o proxecto e que estivesen dispostos a arriscar, porque este é o seu futuro, pois se saben traballar aquí teñen un escenario axeitado para triunfar; teñen uns medios e unha idea que o permite. Un dos cociñeiros é de fóra, pero vive en Valo, e gústalle moito a cociña; fixo un curso de Formación Profesional na escola de Tapia; e hai outro, que é andaluz e estudou na escola de hostalaría de Grado, onde fixo os dous ciclos de Formación Profesional, é unha persoa moi nova con moita chispa. Gustáronme moito ambos os dous, son diferentes, pero teño claro que poden facer un bo equipo”.
Cao aclarou que “non” se trata de facer alta cociña, senón de comida tradicional con produtos de aquí poñéndoos en valor. Temos unha cociña con boas condicións e espazo abondo, teñen a porta aberta para facer unha cociña diferente e espero que o aproveiten para darse a coñecer; a min encantaríame”.
E concluíu explicando que “se trata de facer as cousas de xeito diferente, pero non por iso cobrar máis. Por exemplo, os viños están ao mesmo prezo dos demais establecementos e nalgúns casos mesmo menos. Hoxe o restaurante do mantel de liño está en declive, sobre todo polas noites, e entón hai que dar a posibilidade de que os clientes tomen tapas ou medias porcións, porque o tapeo para compartir entre varios cada vez ten máis éxito. E iso é o que queremos ofrecer para que sexa unha cociña para todos os petos”.





















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



