Cervo, 20 de agosto de 2015. A Noite do Patín, celebrada na Praza dos Campos, de San Cibrao, contou coa participación de 39 rapaces e rapazas, o que é un exemplo máis do éxito que están tendo as actividades incluídas dentro do programa Noites Alternativas, organizado polo Concello de Cervo. Así o destacou hoxe a concelleira de Xuventude, Dolores García Caramés, que asistiu á clausura e entrega de premios aos participantes na Noite do Patín xunto co alcalde, Alfonso Villares Bermúdez, e o concelleiro de Deportes, José Ramón Soto Martínez.
A edil de Xuventude explicou que a Noite do Patín “comezou cunha exhibición a cargo de tres rapazas (Lucía, Lorena e Claudia) e despois houbo circuítos e xogos de patinaxe e tamén con monopatín e wave. Estamos moi satisfeitos do resultado desta actividade, xa que aumentou a participación con respecto a anos anteriores e as novidades que houbo nesta edición, como os xogos ou a exhibición, tiveron moi boa aceptación”.
Dolores García rematou comentando que “o obxectivo de ter entretidos aos rapaces durante as noites do verán estámolo conseguindo, como o demostra a alta participación nas actividades organizadas dentro das Noites Alternativas”.