Santiago, 9 de setembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de incorporar a 31 centros de ensino ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), dos que 5 son da provincia de Lugo. Así queda reflectido na resolución publicada este mércores no Diario Oficial de Galicia, que pode consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150909/AnuncioG0164-010915-0007_gl.html, pola que se resolve a convocatoria para o curso 2015/2016 e na que se desglosan as cantidades que cada centro percibirá para o desenvolvemento deste programa. En total o orzamento destinado pola Consellería a esta iniciativa, cuxa calidade ten sido recoñecida a nivel estatal, ascende a 840.000 euros para toda Galicia.
En concreto, os centros de nova incorporación na provincia son os CEIP Albeiros e Sagrado Corazón (ambos na cidade da Muralla), o CEIP Plurilingüe Santa Rita(Viveiro), e os IES Ánxel Fole (Lugo) e Santiago Basanta Silva (Vilalba).
Do total dos 575 centros que formarán parte do PLAMBE no curso 2015/2016, 304 son CEIP, 44 CPI, e 177 IES, ademais doutros centros de distinta tipoloxía. Deste xeito, o Plan chegará ao 45% da totalidade dos centros de infantil e primaria e ao 68% dos centros que matriculan alumnado de ensinanza secundaria, cun alcance total estimado de 165.000 alumnas e alumnos. Destes 575 centros, 69 son da provincia de Lugo.
Ao longo da década que leva en funcionamento o Plan de Mellora ten contribuído de forma moi significativa á transformación das bibliotecas escolares cunha renovación importante dos equipamentos das bibliotecas e cunha sinalada actualización das coleccións de documentos: Este programa contribuíu, así mesmo, a modificar a concepción que se ten deste espazo educativo, que funciona agora como un centro de recursos interdisciplinar de apoio ás aprendizaxes e constitúe unha ferramenta fundamental para a alfabetización múltiple do alumnado.
Clubs de lectura
Cómpre sinalar, así mesmo, que a Consellería ten aberto o prazo de inscrición para a creación de clubs de lectura en centros educativos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, ou en centros de ensinanzas de réxime especial. Para impulsar esta actividade a Consellería destinará un orzamento de 200.00 euros, a repartir entre os centros cuxa solicitude sexa aprobada. No curso 2014/2015 funcionaron nos centros do sistema educativo galego un total de 228 clubs.
O obxectivo desta convocatoria de axudas é apoiar a creación de clubs de lectura nos centros educativos como grupos de dinamización en prol do hábito lector que favorecen a incorporación á lectura da mocidade máis reticente. As contías que reciban os centros dedicaranse, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club, que pasarán posteriormente aos fondos da biblioteca escolar.
Entre os criterios de valoración para a concesión das axudas a Consellería prestará especial atención a aquelas iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que procuren contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa nosa lingua e literatura propias. Así mesmo, no caso dos centros que xa desenvolveran este proxecto, valorarase a cualificación acadada polo centro na memoria do ano anterior.
Cabe salientar que os clubs de lectura funcionan como un espazo integrador e de encontro no que alumnado, nais, pais e outros membros da comunidade educativa poden intercambiar opinións e experiencias lectoras arredor dun libro e, polo tanto, unha clara oportunidade para impulsar este hábito entre persoas que de outro xeito non se achegaría a cotío a unha biblioteca, así como un entorno ideal para promover a convivencia harmoniosa no seo da comunidade educativa. Asemade, os clubs están a ser en moitos casos unha oportunidade para descubrir os novos soportes para a lectura dixital, espazos para a experimentación con dispositivos electrónicos e formatos como os booktrailers, os blogues e as redes sociais.
O éxito desta actividade de dinamización da lectura tense demostrado na alta participación dos centros nesta convocatoria, así como por parte dos participantes nas Xornada dos Clubs de lectura, unha xuntanza anual que se vén organizando para fomentar a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias arredor desta actividade. Ademais, ao abeiro destes clubs creouse un premio co obxectivo de recoñecer á escritora ou escritor galego máis lido nestes espazos no pasado curso, en sinal de agradecemento á súa contribución e axuda na consecución de lectores en galego.
Instrucións para o funcionamento da biblioteca escolar
Constatado o éxito das diferentes actuacións desenvolvidas ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe) así como os resultados do PLAMBE nas súas dez convocatorias consecutivas, a Consellería de Cultura e Educación continúa o seu labor de impulso e apoio a estes importantes instrumentos ao servizo da calidade do ensino e a innovación educativa. Nesta liña de acción, acaban de publicarse unhas instrucións para a organización e funcionamento das bibliotecas escolares, que teñen como obxectivo garantir o mantemento do nivel de excelencia acadado por unha boa parte dos centros integrados no Plan de mellora e favorecer a extensión deste novo modelo de biblioteca a todos os centros de ensino públicos deste modelo, que facilita a consecución de logros a nivel académico e que beneficia ao conxunto da comunidade educativa.
Entre outras indicacións as instrucións determinan que o centro deberá establecer unha partida específica para o mantemento da biblioteca dentro dos seus orzamentos xerais, así como crear un equipo de apoio á biblioteca –a maiores do responsable da mesma- formado por profesorado de diferentes etapas ou departamentos, co fin de garantir o seu carácter interdisciplinar.
Neste sentido, recoméndase tamén que o equipo de biblioteca se coordine co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), os docentes responsables das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), o Departamento de Orientación, o Equipo de Actividades complementarias ou do programa Abalar na programación das actividades, co fin de acadar unha acción imbricada para a consecución dos obxectivos de mellora da calidade do ensino e para favorecer as competencias clave que toda a normativa curricular contempla para os distintas etapas educativas.
Estas recomendacións están xa a disposición de toda a comunidade escolar no Portal Educativo desta consellería e na páxina específica do programa de Bibliotecas Escolares de Galicia, http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/.



















Destacou o labor da asociación xuvenil A Rumboia, que en poucas edicións converteu o evento nun referente cultural da Terra Chá e nun motor para o turismo e a economía local. O cartel inclúe Caamaño & Ameixeiras, Ulex, La Txama, Boyanka Kostova, Bea Fernandes e Lucasiito B2B Somiiux. Haberá tamén actividades para todas as idades —xogos, obradoiros, contacontos e artesanía— no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
O Parque María Cristina da Caridá volverá encherse de oficios, sabores, música e tradición os próximos días 4 e 5 de xullo
Son 15 os postos instalados nos que os asistentes poderán atopar complementos de moda e téxtis, marroquinaría, xoiaría, teas, sombreirería, bixutaría, xoguetes ou esmaltes. Esta feira está percorrer diversas localidades e cidades galegas para dar a coñecer o traballo dos artesáns galegos. Polo recinto pasaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Comercio e Turismo, Marta Saiz.
Desde o pasado martes desenvolvéronse distintas competicións deportivas, entre elas os tradicionais torneos 3x3 de fútbol e baloncesto e un campionato de xadrez, nos que participaron preto de 300 mozos e mozas. Villares sinalou que esta convocatoria “é xa un clásico na vila e axuda a proxectar a oferta do Espazo Xove, un punto de encontro para a mocidade que ao longo de todo o ano ofrece distintas propostas de lecer, formación e participación adaptadas aos seus intereses”.
O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O delegado gabou o traballo realizado polo Motoclub A Cadeira para dar continuidade a esta proposta logo do éxito do pasado ano, “deixando claro desde a primeira convocatoria o seu poder de atracción e o importante papel de dinamización económica e social que xogan iniciativas deportivas e lúdicas como esta”. Na programación destacan a subida nocturna hoxe ao monolito da Cadeir a, os simuladores de pilotaxe de moto GP e a exhibición de Stunt3Show mañá, ou unha ruta turística o domingo. Ademais, haberá sesións vermú, música en directo, sorteos de premios, acampada gratuíta -cuberta e exterior- e food trucks, entre outras actividades.
A edición deste ano incorpora un novo formato organizativo: as sesións vermú ampliaranse a tres horas na Praza da Constitución e todas as verbenas trasladaranse ao Campo da Feira para mellorar a loxística e facilitar a montaxe dos espectáculos, especialmente nun ano con formacións de gran formato. O programa musical combina orquestras, grupos e DJs para públicos de todas as idades, con citas destacadas como Panorama City, Paris de Noia, Los Satélites, Costa Dorada ou a xira campestre con diferentes propostas ao longo de varios días. Desde o Concello subliñan que as festas son un espazo de encontro para a veciñanza e para quen regresa a Vilalba nestas datas, e que o obxectivo é ofrecer unha programación equilibrada e pensada para que cada persoa atope o seu lugar nunhas patronais que forman parte esencial da identidade da vila.



