Lugo, 03 de outubro de 2015.- O Goberno da Deputación de Lugo envía o expediente do programa de novas tecnoloxías Innovate, desenvolvido polo PSOE no organismo e cofinanciado por fondos Feder, á Oficina que investiga as faltas graves das institucións europeas (OLAF), por observar indicios da existencia dun posible fraude de fondos europeos e esixirá que se depuren responsabilidades derivadas da nefasta xestión de Besteiro.
Unha auditoría elaborada por unha empresa externa conclúe o mal funcionamento das actuacións informáticas que se levaron a cabo con cargo a este programa, que entre as dúas fases supuxo un orzamento que supera os 24,4 millóns de euros. Este estudo céntrase na administración electrónica e informa que as sedes electrónicas están fóra de servizo en todos os concellos adheridos ao Innovate; ao igual que dende a administración electrónica da Deputación é tecnicamente imposible a realización de operacións cun mínimo de garantías.
O voceiro do Goberno da Deputación, Carlos Armesto, defendeu a necesidade de que a OLAF investigue o destino dos 24,4 millóns de euros do Innovate, xa que pese ao forte investimento feito ao abeiro deste programa, a situación informática da Deputación pouco evolucionou dende 2007 e as carencias máis importantes mantéñense na actualidade. “Estamos ante unha manifesta dilapidación de fondos públicos e a situación tal e como avala a auditoría é totalmente distinta á que os socialistas nos transmitían”, explicou Armesto, quen engadiu que “Besteiro e os seus aprendices mentían descaradamente, xa que lamentablemente son expertos en rirse dos lucenses”.
Un asesor do PSOE con pouca imparcialidade, o encargado de informar do proxecto
O voceiro do Goberno tamén lembrou que o responsable de informar e, polo tanto, de firmar todos os informes do desenvolvemento deste programa, era un dos asesores de Besteiro durante o seu Goberno, Pablo Rivera, que actualmente é deputado do PSOE na oposición. Polo tanto, os propios socialistas validaban os informes relativos ao programa Innovate para a implantación da administración electrónica. “A falta de imparcialidade está clara, ao tratarse dunha persoa vinculada a un proxecto político”. Mesmo este deputado (daquela asesor de goberno) foi o encargo de emitir un informe a través do que resolveu alegacións “moi importantes” ante o feito de que unha empresa que participara na elaboración do Plan Director do Innovate, e polo tanto coñecedora dos pregos técnicos, resultase adxudicataria de varias actuacións deste programa por un importe total de 5,9 millóns de euros (máis do 23% do plan).
Neste senso, hai que ter en conta que as auditorías realizadas ata agora pola Unión Europea baseáronse nestes informes e non se centraron nunha análise da realidade. Polo tanto, segundo engade Armesto, solicitamos que a OLAF realice unha investigación sobre o estado da e-administración.
Conclusións da auditoría
A auditoría elaborada por unha empresa externa con credibilidade centrouse no estado de implementación da administración electrónica tanto na entidade provincial como nos concellos adheridos ao Innovate. Este estudo conclúe unha “serie de deficiencias que poñen de manifesto o fallo do Innovate e que non chegamos a entender despois do forte investimentos público”. Entre as observacións da auditoría atópanse, entre outras:
O acceso ás sedes electrónicas mediante DNI electrónico ou certificado dixital presenta unha serie de deficiencias de seguridade e funcionamento que dificultan o acceso á ditas sedes polos usuarios para a realización dos trámites.
A alternativa ao uso de certificados dixitais que ofrece, é a creación dun usuario e contrasinal, sen garantir ningún tipo de seguridade e fiabilidade na acreditación.
Unha vez que se ten acceso á sede electrónica, mediante o certificado dixital ou a creación dun usuario, a plataforma dos concellos está fóra de servizo e non se poden realizar os trámites solicitados. En ningún do concellos adheridos ao Innovate funciona a administración electrónica.
As versións dos navegadores que requiren estas sedes son antigas, o que supón un alto risco de seguridade para os usuarios. Sería moi necesario que todos os usuarios puidesen utilizar este servizo sen distinción do sistema operativo nin da versión.
Falsas promesas e logros
O voceiro do Goberno analiza que a auditoría sobre o estado real da administración electrónica mostra unha situación totalmente diferente á manifestada en diversos medios de comunicación e en múltiples ocasións por Besteiro, o que pon en evidencia as “falsas promesas e logros dos socialistas, xa que a realidade é totalmente contraria. Nos concellos nos que dalgunha maneira funciona o procedemento da administración electrónica son aqueles que a acometeron por conta independente do Innovate, mentres que os concellos que se acolleron ao mesmo, en ningún funciona o procedemento de administración electrónica”.
“Dedicáronse a mentir e a vender falsos titulares ata o punto de que, en liñas xerais, a situación informática da Deputación hoxe en día é case peor ca de 2007”, asegurou Armesto, quen enumerou exemplos do mal funcionamento do Innovate tamén na sede da Deputación como que ata 2014 os servidores de recadación e de contabilidade seguían sendo os de 2007 cando “xa daquela necesitaban ser substituídos por outros máis actualizados, quedando nun proxecto desta envergadura económica fóra de atención servidores de aplicacións críticas como os de contabilidade e recadación”. Incluso a propia rede de datos non evolucionou o debido, con grandes fallos de conexión co Museo Provincial ou co edificio do Fogar de Santa María. En canto aos procedementos administrativos, moitos destes non son operativos pola súa incomodidade de uso e outros están incompletos.



















Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partirán de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.



