Cervo, 15 de outubro de 2015. A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, explicou este xoves que o Concello de Cervo “ven de rematar de xeito altamente satisfactorio e exitoso a campaña anual de visitas de revisión e control de composteiros, que ven realizando de maneira periódica dende que xa hai varios anos botara a andar esta interesante e pioneira experiencia medioambiental. Cada vez vai sendo maior o número de usuarios que demandan este servizo ofertado polo Concello, achegándose practicamente aos 150 usuarios na actualidade, e no que continúa a existir unha meirande demanda por parte dos veciños de Cervo, sobre todo do ámbito rural, cara esta iniciativa municipal, o cal tamén dá conta do alto grao de concienciación medioambiental que se vai acadando entre a veciñanza. Por dito motivo e pola alta implicación que están a demostrar os veciños co proxecto de compostaxe, o Concello de Cervo prevé incrementar na presente anualidade o número de composteiros en servizo, para o cal se fará entrega nas vindeiras semanas de vinte novas unidades destes aparellos”.
Manuela Méndez engadiu que “o obxectivo deste programa de entrega de composteiros consiste no fomento da autoxestión medioambiental responsable dos residuos orgánicos por parte dos veciños acollidos a esta iniciativa municipal coa finalidade de obter un compost de alta calidade para o seu posterior uso como fertilizante natural de terras e plantas”.
A edil de Medio Ambiente en Cervo tamén destacou que “a principal novidade desta anualidade consistiu en que, xunto coa xa tradicional visita de apoio e asesoramento que se acostuma a facer aos novos usuarios do servizo durante as primeiras semanas de funcionamento, fíxose tamén un control máis exhaustivo da utilización dos composteiros que xa levan máis tempo en servizo e que practicamente son xestionados na súa totalidade polos propios interesados, co fin de poder constatar o seu bo estado de uso e funcionamento así como o grao de satisfacción que, segundo manifestan ditos usuarios, está a ser moi elevado con relación ás expectativas iniciais. Este programa de fomento da compostaxe cubre a totalidade do proceso, que vai dende a entrega gratuíta dos composteiros ao apoio e formación aos usuarios para a súa posta en funcionamento, así como o posterior asesoramento ao longo do proceso de vida útil destes dispositivos. Ademais supón un compromiso e unha aposta decidida do Concello co medio ambiente e con todas aquelas medidas que contribúan coa mellora do noso entorno natural”.