Ribadeo, 29 de outubro de 2015.- O secretario xeral do PP de Lugo e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro, confirmou este xoves que a Xunta de Galicia agarda, desde fai máis dun ano, que o Goberno municipal de Ribadeo remita a documentación solicitada para poder asinar así o convenio de colaboración económica sobre a futura residencia.
O popular revelou que desde o 6 de agosto de 2014, data na que a entonces Consellería de Traballo e Benestar remitiu ao Concello a proposta do convenio de colaboración para a construción deste centro, non se obtivo resposta a este requirimento.
En concreto, a Xunta pedía, conforme a lexislación vixente, que o Concello achegase un informe de viabilidade da futura residencia e outro de duplicidade (este último o elabora a Xunta a proposta do propio Concello, un trámite moi sinxelo)
Ata o de agora, aclara Balseiro, o Goberno local respondeu en relación a outros extremos que figuran no convenio, en datas 29 de agosto de 2014, e outra vez neste mesmo mes de outubro, pero en ningunha destas comunicacións inclúe os informes solicitados, “nunha evidente manobra dilatoria incomprensible transcorridos quince meses”
Desde o PP piden ao alcalde de Ribadeo que sexa serio e non engane aos veciños porque pode desbloquear a situación en canto remita a documentación solicitada pola Xunta en agosto de 2014 e que, insisten, “a data de hoxe segue pendente de recibirse”.