A dobre medallista internacional viveirense, Yolanda Rodríguez, alzouse a pasada fin de semana no Centro de Tecnificación Deportiva de Prado Salobre, en Logroño, co Título de Campiona de España en Pistola Deportiva formando dúo coa súa compañeira de selección e club, a Lucense Ariadna Cancio, descendente tamén de viveirenses.
As dúas tiradoras da selección galega de Tiro Olímpico -ambas pertencentes ao club de Tiro San Froilán Lucense- realizaron unha competición moi compacta e perfectamente sincronizadas, nos dous apartados dos que consta a difícil modalidade de Pistola Deportiva: tanto no bloque de tiro de velocidade coma no apartado de precisión, o que as leva ao triunfo final que lles permitiu alzarse co Título Nacional.
Se este resultado chegaba o sábado, a alegría alargábase ata o domingo. O seleccionador galego decidía realizar uns cambios e incluír á mariñá na competición de “Pistola de Precisión Equipos”.
Durante a competición, que durou unha hora e cuarto, cada unha das tres representantes galegas tiveron que efectuar 40 disparos a un branco a 10 metros ata que rematou nunha apretada final con Valencia e Melilla ata que lograron o Subcampionato de España de Equipos Pistola de Precisión.
Deste xeito, Yolanda Rodríguez abandona a categoría cadete para integrarse na Xuvenil en xaneiro.
O adestrador de ambas tiradoras, o polense Julio Rivas, mostrábase moi satisfeito polo resultado das súas pupilas e recoñecía o esforzo e traballo de ambas co hándicap engadido para Rodríguez de ter que desprazarse a tecnificar a Lugo.