Burela, 13 de novembro de 2015.- Vista Alegre xa ten todo a punto para acoller este sábado o grande espectáculo galego de elite, na 10ª xornada de Primeira LNFS. O derbi irmandiño entre CD Burela FS Pescados Rubén e Santiago Futsal arrincará ás 18.00 horas, media hora antes do habitual, ante as cámaras de TVG2.
Tras a vitoria en Peñíscola (4-7), o Burela FS mantén a novena praza (12 puntos) na busca de seguir rubindo posicións. Recibirá un rival co aliciente de derbi, que ocupa a 13ª posición (6 puntos) e aínda non coñece o triunfo a domicilio; estreouse en Compostela ante Antequera na sétima xornada (4-1), antes conseguiu manter as táboas fronte a ElPozo Murcia (2-2, na 5ª), Magna Gurpea Navarra (4-4, na 2ª) e na pista do Peñíscola (4-4, na 1ª).
“Será un partido moi difícil. O Santiago é moi forte en defensa, con xogadores con descaro arriba. Debemos igualar a súa intensidade defensiva para estar no partido en todo momento”, adiantaba Daniel Ibañes, dirixindo un equipo disposto a romper as estatísticas: “O Burela FS nunca gañou a Santiago na casa, pelexaremos para que isto cambie e seguir traballando con ganas para estar entre os oito primeiros” puntualizaba o técnico.
Daniel Ibañes recuperará a Isi, ausente nos dous últimos partidos por unha luxación de ombreiro; logo de oito meses tamén regresará á convocatoria Matamoros. Non estará Hélder, que continúa con molestias da súa escordadura de nocello ante Jaén. David Palmas e Pablo Tallón volverán ser ausencia nas filas compostelás, por lesión; o resto do vestiario estará á disposición de Santi Valladares.
Convocatoria CD Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 10. Matamoros, 11. Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge Bellvert, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato