Fugit irreparabile tempus. Foxe o irreparable tempo!. Pasaron xa máis de catro anos. A voz do pobo de Ribadeo era unánime: “necesitamos unha residencia”. Pero converter en realidade o seu desexo estaba en mans dos políticos. E o pobo convocou os seus políticos. Convocounos a un pacto. Un por un. Estás disposto a loitar co pobo por unha residencia para o pobo, antepoñendo esta necesidade a lóita partidista? A nobreza dos nosos representantes impúxose. E a resposta foi inmediata, clara, sincera e unánime: Si! E os políticos deron un paso adiante. Aparcaron todo protagonismo partidista. Foi así como naceu aquel Pacto de Estado en Ribadeo. Loitar todos xuntos por este obxectivo.
Pro, e os cartos? En mans dos políticos. E empezaron as reunións, os estudos, os contactos. Convencer ás administracións. E así se empezou a andar un difícil camiño. Todos xuntos. Os seus froitos: Unha residencia na rúa Paco Lanza.
Pro houbo eleccións locais. Chegou xente nova. E o Pacto tambaleouse. Días de divagaciones, acusacións, desconcertos e enredos. Empezou lóita partidista. O futuro da residencia corre perigo. E, mentres tanto, os nosos anciáns seguen condenados ó desterro. A voz dos veciños segue clamando. Hai que retomar o diálogo e o consenso. Dar prioridade a esta grave carencia dos nosos anciáns. Apelar á nobreza dos sentimentos. Retomar o Pacto de Estado de Ribadeo. Primeiro a residencia. A política partidista despois. Esta é a voz dos veciños e a petición dos anciáns.
Parece que xa se aclaran as cousas. Atísbanse solucións. O Pacto pódese e débese restablecer. As augas poden volver á súa canle. Todos xuntos pola residencia. O pobo míranos. Piden que os nosos anciáns regresen do seu exilio forzoso. Que morran xunto ós seus. Que este soño convértase por fin en realidade. Chegou a hora volver a dar cada quen un paso ó fronte. Logo xogaremos á política. E a quen Deus lla dea, San Pedro lla bendiga. Pro primeiro os nosos vellos.
José Mª Rodríguez Díaz.

















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
Unha xornada de convivencia que comezará ás 11:30 h na Alameda, con misa de campaña, sesión vermú, comida, sorteo e festa ata as 19:00 h. A principal novidade é o menú con paella, sobremesa, bebida e café. Para participar é preciso vale: 7 € para persoas empadroadas e 10 € para non empadroadas e acompañantes, dispoñible nas oficinas municipais, onde tamén se pode solicitar transporte. Senllos concellos animan á veciñanza maior a sumarse a esta cita de encontro e recoñecemento.



